- A tenente de alcalde Carmen Gómez fixo hoxe entrega dos vales de compra a Manuel Monteagudo
- O próximo sorteo terá lugar o día 6 de xaneiro, coincidindo coa Lotaría de Reis
Valga, 29 de decembro 2020.
A campaña de promoción do comercio local Merca-Valga, na súa edición especial de Nadal, xa ten o primeiro gañador: Manuel Monteagudo Bouzón, veciño de Vilar (Cordeiro), que resultou agraciado con 500 euros en vales de compra para gastar nos locais comerciais que están adheridos.
O acto de entrega tivo lugar esta mañá no establecemento de hostalería O Mencer, de Vilarello, no que se repartiu a papeleta agraciada no sorteo, a número 2897, que coincide coas últimas catro cifras do premio Gordo do sorteo da Lotaría de Nadal, que tivo lugar o pasado dída 22. A tenente alcalde, Carmen Gómez, foi quen entregou o premio ao gañador.
Manuel Monteagudo poderá gastar os vales de compra nos 73 establecementos de Valga que participan en Merca-Valga, entre os que hai bares e restaurantes, negocios de alimentación, salóns de peiteado e estilismo, farmacias, carpinterías, estancos, estudos de fotografía, ferraxerías, droguerías, florerías, talleres de automoción, tendas de moda e fogar, mercerías, panaderías e pastelerías, taxis, logopedias, consultorías, negocios de xardinería e produtos agrícolas, hoteis e establecementos deportivos, entre outros.
Esta campaña ten como obxectivo incentivar as compras no comercio local e contribuír á reactivación da economía local nestes momentos de crise causada pola pandemia da Covid-19.
O próximo sorteo terá lugar o vindeiro 6 de xaneiro, coincidindo co Sorteo do Neno. As papeletas para participar xa se están repartido nos comercios adheridos.