- Leite, pasta, aceite e outros alimentos foron distribuídos entre as familias en situación de vulnerabilidade
- O comercio Alimentación Germán, do Forno, tamén realizará unha recollida benéfica no mes de xaneiro
Valga, 28 de decembro de 2020.
O departamento de Servizos Sociais do Concello recibiu nos días previos á celebración de Nadal unha nova remesa de produtos doados pola tenda Alimentación Eiras, de Ferreirós, que ten en marcha unha cmapaña de recollida de alimentos para axudar a familias do municipio que se atopan en situación de vulnerabilidade.
Entre os produtos que incluía este lote había leite, cereais para o almorzo, cacao en polvo, galletas, aceite, fariña, arroz, sal, pasta ou legumes, entre outros. O persoal de Servizos Sociais encargouse de distribuír os alimentos entre aquelas familias con escaseza de recursos ou en risco de exclusión para que puideran celebrar o Nadal do mellor xeito posible.
Esta recollida solidaria promovida por Alimentación Eiras continúa durante todo o mes de decembro. As persoas que queiran contribuír poden aportar alimentos, preferentemente non perecedoiros, e produtos de limpeza e hixiene, depositándoos nos espazos que a tenda, emprazada en Ferreirós (Cordeiro) ten reservados para este fin.
Ademais, no mes de xaneiro tamén porá en marcha unha acción benéfica similar o establecemento Alimentación Germán, do Forno. Os seus clientes e outros veciños que queiran contribuír á campaña poderán tamén doar alimentos e outros produtos básicos.
O Concello agradece, unha vez máis, aos propietarios dos dous comercios e a todas as persoas que participan nestas iniciativas pola súa solidariedade nestes tempos marcados social e economicamente pola pandemia da Covid-19.