- Adquiríronse caldeiros para que os veciños separen os biorresiduos e editouse material informativo e de divulgación
- Tamén se construirá un punto para o acopio de restos de podas e limpezas para abastecer aos composteiros
Valga, 28 de decembro de 2020.
A aposta do Concello de Valga pola compostaxe avanza un novo chanzo coa consecución dunha subvención por valor de 59.800 euros da Consellería de Medio Ambinete, a través dunha orde para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa Feder Galicia 2014-2020.
Parte desta subvención, en concreto a cantidade de 9.992 euros, executouse nesta anualidade 2020 e consistiu na adquisición de caldeiros para a súa distribución entre os veciños que participan no programa de compostaxe que está a desenvolver o Concello. Estes caldeiros servirán para separar os residuos orgánicos xerados nos domicilios para o seu posterior depósito nos composteiros individuais ou comunitarios.
Por outra parte, púxose en marcha unha campaña de información e sensibilización sobre a compostaxe, coa edición de manuais explicativos sobre este proceso de xestión dos biorresiduos, a creación de pancartas divulgativas e adhesivos para pegar nos caldeiros con información sobre os residuos que poden compostarse: restos de comida, mondas, pousos do café e restos vexetais, entre outros.
Para o ano 2021 queda pendente de executar a parte máis substancial da subvención por valor de 49.808 euros. Esta cantidade investirase na adecuación e construción dun punto para o acopio de material estruturante. Nesta zona de almacenamento acumularanse restos vexetais procedentes de de podas e limpezas para que sexan triturados e empregados como estruturante co garantir o resultado óptimo do proceso de compostaxe.