- Elías Sanmarco, responsable da acción solidaria, contou con aportacións de varias empresas da comarca
- Turrón, pasta, zumes ou azucre son algúns dos produtos que inclúen os paquetes
Valga, 23 de decembro 2020.
O Concello vén de recibir trece lotes de alimentos doados polo “Show dos Pallasos” para a súa distribución entre outras tantas familias do municipio que teñen menores ao seu cargo e que se atopan en situación de vulnerabilidade.
Os produtos foron recollidos esta mañá pola concelleira Carmen Gómez e un voluntario da agrupación de Protección Civil. A entrega tivo lugar na vila veciña de Pontecesures e correu a cargo de Elías Sanmarco, cabeza visible do “Show dos Pallasos” e promotor desta iniciativa solidaria.
Os lotes inclúen unha serie de produtos especialmente pensados para edulcorar o Nadal aos máis pequenos. Non faltan o turrón, bombóns, galletas, zumes, aperitivos, pasta ou azucre, entre outros. Ademais, tamén se incorporou a cada paquete unha mascarilla de protección ante a Covid-19. O reparto será realizado polo departamento municipal de Servizos Sociais.
Nesta acción benéfica colaboraron diversas empresas da comarca: Grúas Estación, Grúas Norte, Instalacións Ducho, Solucións metálicas Jamardo, Elite Electricidade, Distribucións Domínguez e Castro e Indalsu. Estas compañías encárgonse de aportar os alimentos que lles solicitaron os organizadores.
Elías Sanmarco decidiu poñer en marcha esta iniciativa durante o confinamento. Así, entre os meses de marzo e xuño leváronse a cabo outros dous repartos de produtos alimenticios nos concellos de Valga, Pontecesures e Padrón co obxectivo de facer máis levadeira a situación de crise sanitaria e económica a familias con escasos recursos e, moi especialmente, aquelas con nenos.