- A representante autonómica referiuse ao nacemento como un recurso turístico “seguro e de gran calidade”
- As visitas están a ser fluídas, pero sen colas nin aglomeracións como en edicións anteriores
Valga, 21 de decembro de 2020.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Turismo, Malena Isorna, acompañaron esta tarde á delegada territorial da Xunta, Luisa Piñeiro, nunha visita ao Belén Artesanal en Movemento. O rexedor e a responsable autonómica foron guiados pola presidenta da asociación cultural Amigos do Belén, Mª Carmen Castiñeiras, que lles explicou as diferentes escenas que forman parte do nacemento e as novidades incorporadas para este Nadal e que representan os principais acontecementos locais, nacionais e internacionais este ano 2020.
A delegada destacou a “gran capacidade” de Galicia para ofrecer eventos e atractivos “seguros e de gran calidade” como é o caso do Belén Artesanal, que está declarado de Interese Turístico de Galicia. “Ás portas dun histórico Xacobeo 2021, Galicia ofrece innumerables posibilidades do máximo interese para os visitantes e que misturan, en moitos casos, as nosas tradicións e elementos da nosa identidade”, manifestou a representante autonómica.
Luisa Piñeiro referiuse á capacidade do Belén Artesanal para adaptarse ás circunstancias e ofrecer, no marco da actual crise sanitaria, “a maior das seguridades” durante o seu percorrido. Neste sentido, hai que ter en conta que o nacemento de Campaña ten establecido un protocolo sanitario fronte á Covid-19 que inclúe toma de temperatura, hixienización de mans con xel hidroalcohólico e o mantemento da distancia de seguridade. A presidenta do colectivo Amigos do Belén ratifica que os visitantes perciben esa seguridade e, de feito, algúns xa teñen repetido visita en máis dunha ocasión.
Este 25 aniversario do Belén está a ser peculiar debido, precisamente, á pandemia. Non se ven as largas colas nin aglomeracións de público, habituais en edicións anteriores, pero as visitas están a ser fluídas e bastante frecuentes, especialmente durante as fins de semana. As excursións e grandes grupos deixan espazo este ano a familias e a parellas e grupos de mozos, que están a aproveitar esta oportunidade de gozar do Belén dun xeito diferente: con máis calma e con posibilidade de deterse ata no máis mínimo detalle.
Nos seus 400 metros cadrados de superficie, o Belén Artesanal conta con arredor de 4.500 figuras feitas todas de xeito artesanal, así coma as construcións e edificios, algúns deles réplicas de infraestruturas públicas de Valga, coma a Casa do Concello, o Auditorio Municipal, o Museo ou o Centro de Interpretación da Caña do País. O nacemento do Neno Xesús, a escena central da montaxe, comparte espazo con outras secuencias propias da tradición de Nadal, con paisaxes e costumes galegas, con acontecementos de relevancia mundial e persoeiros dos ámbitos político, cultural e social. Moitas das escenas están dotadas de movemento. Esta edición ten como novidade principal a pandemia da Covid-19, que está a marcar a actualidade durante todo este ano. A recreación da pandemia ocupa toda unha sección do Belén, relatada coma un conto dende que chegaron dende Wuhan as primeiras noticias dun novo e descoñecido virus. O confinamento ou o traballo dos sanitarios tamén aparecen representados.
O nacemento estará aberto ao público ata a o día 10 de xaneiro en horario de 17:30 a 20:30 de luns a venres, de 17:00 a 20:30 os sábados e de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 os domingos e festivos.