Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Chegou líder á última proba, celebrada en Manresa e na que o terceiro posto lle valeu para acadar o título nacional

- Este sábado pecha a temporada cunha proba de resistencia en Rois, na que acadou a vitoria o ano pasado

JuanCarlosMoreiras1

Valga, 16 de decembro de 2020.

Os deportistas valgueses continúan a colleitar éxitos nas súas respectivas disciplinas. É o caso de Juan Carlos Moreiras González, veciño de Barcia (Cordeiro), que aos seus 30 anos acaba de proclamarse Campión de España de Enduro na categoría Sénior B 4T.

A proba decisiva do campionato celebrouse o pasado 6 de decembro en Manresa (Barcelona). Juan Carlos Moreiras chegaba líder e dependendo de si mesmo para acadar o triunfo, xa que o terceiro posto aseguráballe a coroa de campión. E así o fixo, poñendo o broche de ouro a unha temporada brillante que comezou en Almería con vitoria e continuou en Castellón (terceiro posto) e Asturias (primeiro). Todo isto arroupado por Motos Arribas, concesionario oficial de Husqvarna en Madrid que se encargou de prestarlle asistencia nas carreiras.

JuanCarlosMoreiras2

“Foi un ano raro debido á pandemia. As carreiras tiveron que cambiar de datas e algunhas ata quedaron fóra do calendario polas restricións”, resume o piloto valgués, aínda que para el acabou con ledicia. Esta foi a segunda ocasión na que Juan Carlos Moreiras completou o Campionato de España. Na primeira, en 2019, acadara o terceiro posto. “Nos anos anteriores participara nalgunhas carreiras soltas, pero non puidera completar o campionato porque se precisa moita financiación para desprazarse por toda España”, explica.

A afección de Juan Carlos Moreiras polas motos vén de longo. “Sempre me gustaron. Empecei pola aldea, coas motos vellas de meu avó e máis adiante, como tiña amigos que corrían, empecei a ir a carreiras. A primeira vez que participei no Campionato Galego, en 2010, fun campión na categoría Promoción”, lembra. 

Neste ano atípico, no que a Covid-19 supuxo un atranco engadido para esta e outras moitas disciplinas deportivas, o piloto de Barcia tamén participou nalgunhas probas da Liga Galega de Moto de Campo en Salceda de Caselas e Tui. Nos dous casos clasificouse en segundo posto na categoría Elite. E para pechar a temporada, este sábado participará en Rois nunha proba de resistencia por parellas, na que formará equipo co vilanovés Pablo Varela. O ano pasado acadaron a vitoria.

JuanCarlosMoreiras4          JuanCarlosMoreiras3

Volver