Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Técnicos do Concello e da Deputación explicaron onte a residentes da zona este novo sistema de xestión do biorresiduos

- O goberno municipal agarda que a acollida por parte dos veciños sexa igual de exitosa que na Avenida da Coruña, onde xa leva en funcionamento dende novembro

ComposteiroOya1

Valga, 15 de decembro de 2020.

O Centro de Compostaxe Comunitaria da rúa Doutor de Oya Salgueiro xa está en servizo. Os veciños residentes nos edificios desta zona, situada nas inmediacións do Concello, foron convocados onte a unha reunión na que técnicos do Concello e da Deputación responsables da posta en marcha do Plan Revitaliza lles explicaron o funcionamento destes composteiros comunitarios e para animalos a participar neste novo sistema de xestión de biorresiduos aportando o lixo orgánico que xeren nos seus domicilios. A xuntanza tivo lugar na Casa Consistorial.

Nos composteiros poden depositarse todo tipo de restos de comida (verduras, froitas, carne e peixe crus ou cociñados), produtos caducados ou que xa non se poidan comer. Tamén se poden botar cascas de ovos e froitos secos, pan, pasta, borras de café e panos de mesa ou papel de cociña branco (sen tinturas de cor), así como restos vexetais coma céspede recén cortado ou restos de poda. Estes residuos orgánicos converteranse, mediante o proceso da compostaxe, en abono natural.

Este Centro de Compostaxe Comunitaria é o segundo que se pon en marcha en Valga. En novembro entrou en funcionamento o da Avenida da Coruña e proximamente instalarase un terceiro no recinto do colexio Baño-Xanza.

O goberno municipal agarda que os veciños da rúa Dr. de Oya Salgueiro contribúan ao éxito plan de compostaxe promovido dende o Concello –en colaboración coa Deputación– e depositen nestes composteiros os residuos orgánicos dos seus domicilios para repetir os resultados que se están a acadar na Avenida da Coruña, onde a resposta por parte da poboación está a ser moi boa.

En paralelo a implantación destes puntos de compostaxe comunitaria, o Concello tamén está a facer un reparto de composteiros individuais entre as familias que residen en vivendas unifamiliares.

 

ComposteiroOya2 ComposteiroOya3

Volver