- Na zona do Carballiño, na que se asentan industrias coma ODL, Lema e Intavalsa, habilitouse un novo vial de servizo
- Tamén se asfaltou parte da Rúa Nova e executouse un tramo de beirarrúa no entorno da Mina Mercedes
Valga, 15 de decembro de 2020.
A área empresarial de Campaña, o maior asentamento industrial de Valga, conta con novas e melloradas infraestruturas viarias. Neste entorno executáronse recentemente actuacións coma a apertura dun novo vial e o acondicionamento e pavimentación doutros, cun investimento de 119.950 euros cofinanciados entre o Concello e a Consellería de Economía e Industria, a través dunha liña de subvencións para a habilitación e mellora de infraestruturas en áreas industriais de Galicia.
A obra máis salientable foi o acondicionamento dunha nova vía de servizo no Carballiño, co obxectivo de desconxestionar o tráfico neste núcleo, no que están asentadas as empresas ODL, Intavalsa e Lema. Ademais, na zona da Rúa Nova, pavimentouse un tramo da estrada que dá servizo a industrias coma Exlabesa, Extrugasa e Urovesa e na que xa se executaran traballos de ensanche e dotación de servizos e beirarrúas nunha fase anterior deste proxecto.
Por último, a empresa adxudicataria, Covsa, realizou varias actuacións no entorno da Mina Mercedes, habilitando unha beirarrúa e instalando bolardos para evitar que os vehículos accedan ao recinto da lagoa. Co pintado da estrada e a sinalización dunhas corenta prazas para o estacionamento de vehículos púxose fin ao proxecto.
O obxectivo destas melloras é ofrecer un mellor servizo aos peóns e vehículos á hora de acceder e circular polos viais desta contorna, facilitando o desenrolo da actividade empresarial. Hai que ter en conta que a área industrial de Campaña conta cunha superficie aproximada de 400.000 metros cadrados e está experimentando un aumento na superficie das empresas, no volume de mercadorías que moven e no persoal que desenvolve alí súa actividade profesional. Por iso resulta necesario adecuar as infraestruturas viarias á realidade actual, para un bo discorrer da circulación.