- O presuposto reserva 626.000 euros para Servizos Sociais, 433.000 para Educación e 687.000 para Emprego
- Na sesión tamén se aprobou o Regulamento de Control Interno do Concello
Valga, 11 de decembro de 2020.
O Pleno acordou onte, só cos votos favorables do grupo de goberno, a aprobación inicial dos orzamentos municipais para o exercicio 2021, que ascenden a 5.766.258 euros, o que representa un incremento dun 3% con respecto aos deste ano 2020. O grupo do PSOE votou en contra e o concelleiro das Mareas non asistiu.
O concelleiro de Facenda, José Ángel Souto, foi o encargado de explicar o presuposto, que destina 1.218.632 euros a investimentos, con partidas para a dotación e ampliación dos servizos básicos; actuacións en viais e camiños; saneamento, abastecemento e recollida do lixo; mellora do alumeado ou mantemento de espazos e infraestruturas públicas, entre outras actuacións.
O presuposto destina 1’4 millóns a Benestar Comunitario, un apartado no que se inclúen 670.000 euros para saneamento (co obxectivo de ofrecer este servizo ao 100% da poboación de Valga), 150.000 euros a abastecemento de augas, 325.000 euros a recollida de residuos e 225.000 a alumeado público.
En canto a Servizos Sociais e Igualdade, o orzamento reserva 675.000 euros, o que supón un incremento do 9% con respecto a este ano 2020. Destacan as partidas para o servizo de axuda a domicilio e a persoas dependentes (310.000 euros), o financiamento do CODI (111.000 euros aportados pola Xunta de Galicia), o Centro de Información á Muller (61.000 euros que saen na súa maioría das arcas municipais e autonómicas) e o Plan de Prevención das Drogodependencias.
Ao fomento do emprego o Concello destinará 687.000 euros no vindeiro ano. Algunhas das medidas que se contemplan son as subvencións á contratación de parados do municipio e a contratación de bolseiros, ademais das actividades de formación entre as que destacan diferentes cursos e os Obradoiros de Emprego. Impartiranse dous durante 2021, nos que se formarán un total de 36 persoas nos oficios de albanelería, carpintería e forestais e que conlevan un investimento de 777.000 euros.
O concelleiro Souto destacou que a pesar da crise motivada pola pandemia da Covid-16, o emprego en Valga apenas se resentiu, pasando de 366 parados a finais de 2019 a 384 na actualidade. A taxa de desemprego sitúase nun 10’5%, mentras que no global do Estado ascende ao 17%.
No que respecta á Educación, as partidas recollidas no presuposto suman 433.000 euros, con 164.000 para financiar o funcionamento da Escola Infantil Municipal, arredor de 60.000 euros para actividades de conciliación e reforzo educativo e mantendo as subvencións para o transporte escolar e para adquisición de material.
Por último, no apartado Cultural destínanse 155.000 euros á xestión da Escola Municipal de Música e tamén se reservan partidas para o mantemento e mellora do Museo da Historia, do Auditorio Municipal e outros inmobles de carácter cultural do municipio, así como para o Belén Artesanal en Movemento. En total, as accións culturais suman 464.000 euros.
José Ángel Souto salientou que o orzamento é tan só unha previsión que pode verse mellorada ao longo do ano coa consecución de subvencións por parte doutras administracións, como sucedeu en 2020 con obras coma a reforma integral do colexio de Baño e outras melloras nos centros educativos valgueses, ou a urbanización da Rúa Baixa, que se atopa en execución. Tamén recalcou que os presupostos cumpren co obxectivo de estabilidade orzamentaria e co límite de gasto e non se contempla endebedamento financeiro, tal e como recolle o informe do interventor municipal.
Para pechar o debate deste punto o alcalde, José María Bello Maneiro, indicou que “o Concello está cada vez mellor” e sen débeda. Explicou que a operación de tesourería concertada o pasado ano para o pago a provedores xa quedou liquidada hai meses. Lembrou que esta operación foi necesaria ante os impagos que a Deputación e a Xunta de Galicia arrastraban co Concello. De feito, indicou, “esta mesma semana a Deputación acábanos de ingresar 500.000 euros que nos debía dende xullo, e aínda nos debe máis, ao igual que a Xuna”. Engadiu que “nós temos que ser responsables e non podemos deixar de pagar aos nosos provedores porque outras administracións non cumpran con nós, porque estas persoas teñen detrás a familias”.
O rexedor explicou que o exercicio pasado, no que o orzamento ascendía a 5.631.089 euros, pechouse con 6.235.593, o que representa 604.000 euros máis do previsto. O superávit foi de 16.124’45 euros.
Na sesión extraordinaria de onte tamén se aprobou, cos votos a favor do equipo de goberno, o Regulamento de control interno do Concello. O obxectivo desta norma é regular o control económico-financeiro da administración local e outras entidades adscritas a ela a través do servizo de Intervención.
Por último, deuse conta ao Pleno do Plan anual de control financeiro do exercicio 2020.