- Os aprendices analizaron os riscos xerais e específicos das dúas especialidades: forestais e albanelería
- Este proxecto conta coa participación de 16 mozos de Valga e Moraña e terá unha duración dun ano
Valga, 5 de decembro de 2020.
O alumnado do Obradoiro de Emprego “Xóvenes”, no que participan 16 mozos de Valga e Moraña, participaron dende mediados de novembro nun módulo de prevención de riscos laborais. Foi a primeira formación que se impartiu no obradoiro, complementaria aos oficios que van a aprender durante o proxecto (albanelería e forestais) e que tivo unha duración de 60 horas.
Os principais contidos foron: conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo, riscos no traballo e medidas preventivas e primeiros auxilios. Concienciar ao alumnado sobre a importancia da seguridade e durante a actividade laboral e que identifiquen e analicen os riscos xerais e específicos da súa actividade foron os obxectivos globais desta formación, que se completou con outro módulo de 6 horas específico para o oficio de albanelería. Este último foi impartido por un técnico da Fundación Laboral da Construción.
A directora do Obradoiro, Mª Carmen Vidal, destaca que se trata “dunha formación moi importante xa que, desde o comezo do proxecto, estamos a velar especialmente pola seguridade e a prevención de riscos laborais”. Así mesmo, cumprindo coas obras de vixilancia da saúde, o personal do obradoiro realizou os correspondentes recoñecementos médicos.
O Obradoiro de Emprego “Xóvenes”, promovido polos Concellos de Valga e Moraña e cofinanciado pola Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo, deu comezo o pasado 16 de novembro e nel participan 16 mozos de entre 18 e 30 anos. Terá unha duración de doce meses e consta de dúas especialidades formativas: forestal e albanelería. Os aprendices recibirán formación teórica e ademais realizarán prácticas consistentes en obras de interese público.
As obras de forestais que están proxectadas en Valga inclúen o acondicionamento de tramos do Camiño Portugués e de diferentes espazos verdes e áreas de lecer do municipio coma o Parque Irmáns Dios Mosquera, a praia de Vilarello, Mina Mercedes, Mina Porto Piñeiro ou o Miradoiro de Beiro, entre outros.
No tocante á especialidade de albanelería, levaranse a cabo obras de mellora en instalacións e recintos municipais coma as pistas deportivas de Beiro, o pavillón municipal de Beiro ou o vello campo de fútbol de Baño.