Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Pode verse no Auditorio Municipal durante todo mes de decembro

- A mostra combina cadros costumistas, paisaxes de Valga e reproducións e maquetas de pezas arqueolóxicas

A3mans1

Valga, 4 decembro de 2020.

O Auditorio Municipal acolle durante este mes de decembro a exposición colectiva “A tres mans pola vida”, na que comparten espazo as obras pictóricas de Ángeles Garrido e Pepe Potel e a arte cerámica de Ana María González. Os tres artistas xa protagonizaran unha mostra similar no Nadal de 2019 e nesta segunda edición optaron incluso por manter o título como unha chamada de esperanza ante a situación de pandemia mundial que vivimos.

Na parte pictórica, Ángeles Garrido expón unha colección de cadros costumistas. Parte deles “falan sobre a natureza, da que estamos volvendo a gozar a consecuencia da pandemia”, mentras que outros son retratos de persoas maiores, xente traballadora que, por desgraza, están a ser uns dos principais damnificados por esta crise da Covid-19, de aí esta homenaxe. Entre este conxunto de obras emerxe a figura colorista dun cabalo que representa a esperanza.

A sala de exposicións do Auditorio tamén reserva un espazo para unha compilación de pinturas de Pepe Potel, artista valgués falecido en 2018: paisaxes de Valga e cadros costumistas que incitan á vida, coa temática da auga como fío condutor. Nesta serie de cadros aparecen representados enclaves coma as fervenzas de Raxoi e Parafita ou O Carballiño, entre outros.

A triloxía complétase con Ana María González, que amosa diferentes traballos relacionados coa súa profesión de restauradora de bens culturais especializada en arqueoloxía. A obra principal é unha reprodución do Mosaico de Panxón, unha peza de orixe romana que en 2019 foi localizada nun anticuario de Nova Iorque logo de vinte anos desaparecida. Nela aparecen representados un peixe, dúas ameixas e outras decoracións abstractas. Ana María González realizou esta réplica durante a corentena.

A parte arqueolóxica da exposición inclúe, ademais, unha maqueta dun xacemento de orixe castrexa na súa última etapa de ocupación na que xa se percibe presenza romana, unha reconstrución do interior e do exterior dunha cabana e varias réplicas de utensilios de época romana coma unha lucerna (unha lámpada) e unha cantimplora feitas con arxila e os seus respectivos moldes de escaiola.

A3mans2 A3mans3

A3mans4          A3mans5

A3mans6 A3mans7

A3mans8 A3mans9

A3mans11

Volver