- As socias do colectivo reuníronse en asemblea para ultimar, asimesmo, a organización da Exposición da Camelia
- O Auditorio tamén acolleu o venres o Contacontos pola Paz “Un barco no ceo”
Valga, 6 de xaneiro de 2018.
As integrantes da asociación de Mulleres Rurais “Albor” reuníronse o venres pola tarde en asemblea, unha cita que convocan anualmente para actualizar o seu listado de socias, que chegan a máis de 70, e tamén para organizar as actividades máis inminentes.
É o caso da XII Exposición da Camelia Bella Otero, que terá lugar no Auditorio, a fin de semana do 24 e 25 de febreiro e que contará coa participación de viveiristas e afeccionados a esta flor chegados dende distintos puntos de Galicia e Portugal e tamén de asociacións, colexios e veciños de Valga. O programa da mostra, que poderá visitarse a partir das 13 horas do sábado e durante toda a xornada do domingo, inclúe unha exposición de bonsais de José Freire.
Ademais, o colectivo que preside Rosa Crespo está a organizar os actos de celebración do seu 25 aniversario, que se cumpre a mediados do mes de marzo. A asamblea de onte serviu para ultimar algunhas das actividades do programa conmemorativo, co que lembrarán a traxectoria da asociación dende a súa fundación no ano 1993.
Unha vez rematada a asemblea, as mulleres rurais continuaron coa xuntanza cunha chocolatada con churros.
O Auditorio tamén acolleu o venres o Contacontos pola Paz “Un barco no ceo”. Os nenos asistentes coñeceron a historia dun barco voador que simboliza a liberdade e cuxos tripulantes levan a cabo todo tipo de accións para axudar a vítimas da violencia, da guerra e dos desastres medioambientais.