- Permitirá mellorar a cobertura e as conexións a internet en zonas do municipio ás que o sinal chegaba con debilidade
- Os traballos de colocación incluirán unha canalización de 350 metros para o subministro eléctrico
Valga, 3 de decembro de 2020.
O Concello de Valga recibiu onte da Comunidade de Montes de Setecoros os documentos que acreditan a cesión dos terreos necesarios para a instalación dunha nova torreta de telecomunicacións nesta parroquia.
A cesión foi aprobada polos comuneiros nunha recente asemblea da Comunidade de Montes, celebrada o día 15 de novembro, e afecta a un terreo de 100 metros cadrados situado na zona de Cerneira.
A torre, que procederá a instalar o Concello, permitirá mellorar a cobertura de telecomunicacións, especialmente de conexión a internet, naquelas zonas do municipio que reciben unha sinal máis débil.
A torreta colocarase a uns 350 metros de distancia do punto dende o que se dá subministro eléctrico ao depósito de abastecemento de auga e que será tamén aproveitado para esta nova infraestrutura. Deste xeito, ademais dos traballos de instalación haberá que executar obras de canalización nese tramo de 350 metros.