Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Bello Maneiro fixo fincapé na creación de solo industrial que permita o asentamento de novas empresas e a ampliación das actuais

- A Xunta está a investir na actualidade máis dun millón de euros en dous obradoiros de emprego e na humanización do Parque Irmáns Dios Mosquera

VisitaLuisaPiñeiro1

Valga, 2 de decembro de 2020.

O alcalde, José María Bello Maneiro, recibiu esta mañá na Casa do Concello á nova delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro. No encontro de traballo participaron tamén os concelleiros Begoña Piñeiro, Malena Isorna e Pedro Calvo.

Bello Maneiro trasladou á responsable autonómica algunhas das necesidades do municipio e actuacións pendentes de execución en Valga. A principal necesidade, na que xa está a traballar a Xunta, pasa pola creación de solo industrial que permita a implantación de novas empresas e a ampliación das actuais. Tamén solicitou á delegada colaboración para cuestións medioambientais vencelladas ao Punto Limpo e ao transporte do lixo, ademais de demandar un camión de extinción de lumes forestais e un tractor.

Outros dos asuntos para os que pideu o apoio da Xunta foron o equipamento do Edificio de Usos Administrativos e o proxecto turístico e patrimonial de rehabilitación da Mina Porto Piñeiro. Finalmente, en materia de infraestruturas, os dous mandatarios abordaron a posibilidade de completar a mellora da estrada autonómica PO-190 ao seu paso pola parroquia de Cordeiro.

A delegada territorial reafirmou a “máxima colaboración” do Goberno galego con Valga, na mesma liña e intensidade que nos últimos anos, comprometéndose a xestionar as solicitudes que lle trasladou o alcalde. Luisa Piñeiro destacou que a Xunta está a investir na actualidade máis dun millón de euros en Valga en proxectos coma a humanización do Parque Irmáns Dios Mosquera e nos obradoiros de emprego “Xóvenes” e “Ulla-Umia V”, que acaban de ser concedidos.

Por último, a delegada anunciou ao alcalde unha nova visita a Valga nas vindeiras semanas para coñecer a fondo e sobre o terreo o estado dalgúns destes proxectos, así como para visitar o Belén Artesanal en Movemento, que se inaugura esta semana.

      VisitaLuisaPiñeiro2         VisitaLuisaPiñeiro3

VisitaLuisaPiñeiro4

Volver