- Estudantes dos colexios de Pontecesures e Catoira participaron nunha xornada de portas abertas e, despois, celebrouse unha mesa redonda sobre a figura da muller no sector da fabricación mecánica
- O presidente da asociación de empresarios, Andrés Quintá, e orientador laboral do Concello, Juan Ramón Angueira, falarán mañá nunha conferencia sobre emprego
Valga, 5 de xaneiro de 2018.
O IES de Valga deu comezo hoxe á Semana de Orientación e Emprego, organizada en colaboración coa Consellería de Educación e do Concello, e que ten como obxectivos divulgar a oferta educativa do centro e e orientar, dende os puntos de vista académico e profesional, ao alumnado de 4º da ESO, Bacharelato e ciclos. As xornadas, que continuarán ata o xoves, contan coa participación de estudantes do IES de Valga e tamén doutros centros da contorna, como os CPI de Pontecesures e Catoira.
Alumnos destes dous últimos colexios asistiron á inauguración da Semana da Orientación e Emprego, que contou coa participación do alcalde, José María Bello Maneiro, a concelleira de Educación e Emprego, Carmen Gómez, e o director do IES, Roberto Barral. O rexedor felicitou á dirección do centro polo seu “perfecto funcionamento” e tamén pola organización de iniciativas como estas xornadas, que “van ser positivas para dar a coñecer o instituto e a súa oferta educativa”. Bello Maneiro, ademais, destacou a “vontade total do Concello” para seguir colaborando co IES. “Para calquera actividade terán, sen dúbida, o noso apoio”, remarcou.
A continuación o director e a orientadora do IES, Yolanda Castro, presentaron ao alumnado a oferta educativa do IES, as actividades e programas nos que participa, e despois participaron todos nunha visita guiada para coñecer as instalación do instituto.
As actividades desta mañá pecháronse coa mesa redonda “A figura da muller no sector profesional da fabricación mecánica”, á que asistiron estudantes de FP Básica, ciclos e 4º da ESO. Os poñentes foron Mercedes Calvelo, profesora de Soldadura e Caldeiraría do CIFP Politécnico de Santiago; Nansi González, ex alumna do ciclo superior de Construcións Metálicas e que actualmente traballa na empresa valguesa ODL; e Sara Iglesias, alumna de 2º curso do ciclo medio de Soldadura e Caldeiraría.
As xornadas retómanse mañá cunha Mesa de Emprego, da que formarán parte Andrés Quintá, presidente da asociación de empresarios dos vales Ulla e Umia (Aevu), e Juan Ramón Angueira, orientador laboral do Concello, que falarán para alumnos de ciclos e FP Básica.
O mércores o alumnado de 2º curso de FP Básica e de 4º da ESO participarán nunha saída a Compostela, que incluirá visitas ao Centro Integrado de Formación Profesional de Santiago e á Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo. Por último, o xoves, estudantes de 1º e 2º de Bacharelato ahegaranse á Universidade de Santiago dentro do programa “A Ponte”.