Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A concelleira Malena Isorna e os directores do Centro Superior de Música recibírono esta mañá no Auditorio Municipal

- “Actúo nos mellores teatros do mundo, pero tamén hai que vir a lugares coma Valga para que as súas xentes poidan achegarse a disciplinas coma a ópera”

CarlosAlvarez1

Valga, 28 de novembro de 2020.

O cantante Carlos Álvarez, unha primeira figura no mundo da ópera, está esta fin de semana en Valga impartindo unha masterclass de canto no Centro Superior de Música. O barítono malagueño, recoñecido internacionalmente e que ten actuado nos mellores escenarios do mundo (o Metropolitan de Nova Iorque, o Covent Garden de Londres ou a Scala de Milán, entre outros), foi recibido esta mañá no Auditorio Municipal pola concelleira Malena Isorna, polos codirectores do CSM Galicia, Manuel Villar e Pere Molina, e polos alumnos que asisten á súa clase maxistral: 13 activos e 8 oíntes.

Malena Isorna destacou o “orgullo” que supón para o Concello de Valga recibir a un dos máximos representantes vocais a nivel mundial e “albergar proxectos tan ilusionantes” coma o Centro Superior de Música, que ten a súa sede no Auditorio.

Durante a fin de semana, os inscritos na clase maxistral participan en clases individuais e colectivas con traballos de técnica vocal e repertorio. “Non me gusta chamalo masterclass”, matiza Carlos Álvarez, “senón unha reunión na que unha persoa con experiencia vital e profesional transmite os seus coñecementos a outras persoas que necesitan desa instrución. Intentarei transmitirlles ideas e conceptos” relaciondos co canto e “os alumnos terán a oportunidade de demostrar as súas capacidades vocais e de repertorio”.

O barítono recala en Valga logo de actuar, nos últimos días, no Teatro de la Zarzuela de Madrid, onde conmemorou os 30 anos do seu debut como solista. A súa próxima cita será o 7 de decembro na Scala de Milán. “Teño a oportunidade de actuar nos mellores teatros do mundo, pero tamén hai que vir a lugares coma Valga para que as súas xentes teñan tamén oportunidade” de achegarse a disciplinas como a ópera.  Neste sentido, trasladou os seus parabéns ao Concello “por contar cunha infraestrutura (o Auditorio) que permite o desenvolvemento de actividades culturais e artísticas. Sinto envexa e admiración porque en na miña cidade, Málaga, non haxa un Auditorio coma este”.

CarlosAlvarez2        CarlosAlvarez3

CarlosAlvarez4 CarlosAlvarez5

CarlosAlvarez6

Volver