- O martes e o xoves están convocadas novas reunións no local social de Vilarello
- Tamén está prevista para os próximos días a instalación do segundo centro de compostaxe comunitaria
Valga, 28 de novembro de 2020.
O Concello, a través do Plan Revitaliza no que colabora coa Deputación, xa ten distribuído nas tres semanas de programa 250 composteiros domésticos entre familias de Valga, unha mostra do interese que está a xerar entre os veciños este novo sistema de xestión dos residuos orgánicos.
As reunións e charlas divulgativas que o persoal técnico está a convocar nos distintos lugares para divulgar a compostaxe entre a poboación valguesa están a ter unha boa acollida. Na última semana celebráronse reunións no Auditorio e nos locais sociais de Barcia e Moldes nas que se repartiron un total de 111 composteiros. A estes encontros asistiron veciños de Carballa, Casanova, Castiñeiras, Eiras, Carracido, Laxes, Moldes, Barcia, Barro, Canle e Cotriños.
Para a vindeira semana xa están fixadas novas xuntanzas. Terán lugar o martes e o xoves pola mañá no local social de Vilarello, e asistirán residentes deste lugar e tamén de Vilar, Moldes e Carracido aos que se está a convocar por carta e por teléfono dende a oficina de compostaxe do Concello.
Ademais, na semana próxima tamén está prevista a instalación dun novo centro de compostaxe comunitario na rúa Doutor de Oya Salgueiro. Será o segundo tralo da Avenida da Coruña, que xa leva en funcionamento dende comezos de novembro.
A compostaxe permite xestionar dun xeito máis sustentable os biorresiduos que se xeran nos fogares. Nos composteiros, tanto nos individuais coma nos comunitarios, poden depositarse restos de comida cociñada ou crúa (carne, peixe, espiñas, ósos, mondas, pousos do café...) e tamén restos vexetais (céspede acabado de cortar ou plantas de todo tipo), dos que se obtén abono natural.