- O recinto conta con novos focos, altofalantes, micrófonos e un sistema de gravación de imaxe e son
- Na planta superior instalouse unha varanda de vidro para unha maior seguridade e visibilidade
Valga, 27 de novembro de 2020.
O Concello, a través dun convenio coa Consellería de Cultura e Turismo, vén de executar melloras no Auditorio Municipal, renovando parte do equipamento existente e dotándoo doutro novo do que carecía ata o de agora. Estes traballos supoñen un aumento da seguridade e un avance na modernización destas instalacións culturais, nas que se desenvolven unha parte importante das actividades municipais.
Investiuse un orzamento de 50.916’80 euros que permitiu mellorar os sistemas de prevención e seguridade coa dotación dunha plataforma elevadora con cesta para facilitar o traballo dos técnicos. Na zona de butacas superior substituíuse a varanda metálica por outra de vidro que, ademais de ser máis segura, ofrece unha maior visibilidade aos espectadores.
Melloráronse os sistemas de iluminación e son coa instalación de altofalantes, micros de ambiente e a substitución de cabezas móbiles e focos que se atopaban deteriorados por outros novos con sistema LED. Tamén se instalou un sistema de intercomunicación entre a sala de control e o escenario para favorecer o desenvolvemento das actividades e, no tocante ao equipamento audiovisual, implantouse un sistema de gravación de imaxe e son que permitirá rexistrar as actividades que se celebren no Auditorio.
Por último, colocouse un proxector na Sala Azul e, na fachada exterior do Auditorio, un videowall para anunciar e promocionar as actividades programadas.