- A sentenza do xulgado contencioso de Pontevedra non é firme e os técnicos estudarán a posibilidade de interpoñer recurso
- “Lle pese a quen lle pese o CODI seguirá funcionando e prestando servizo”, garante o alcalde
Valga, 3 de xaneiro de 2018.
O goberno local considera unha “noticia moi mala para Valga” que o Xulgado do Contencioso Administrativo número 3 de Pontevedra non estimara o recurso presentado polo Concello contra a decisión da Deputación de Pontevedra de retirar as axudas económicas ao Centro Ocupacional para persoas con discapacidade (CODI). A administración pronvincial fíxoo, ademais, “con pouca altura democrática e con nula transparencia”, lembra o alcalde, xa que o Concello “tivo que enterarse por anuncio no BOP en abril de 2016” de que non ía a contar coa subvención para ese mesmo ano. “Que mínimo que advertirnos antes de que rematase 2015 para poder incluír nos orzamentos o financiamento preciso para continuar prestando o servizo”, lamenta José María Bello Maneiro.
A sentenza, que aínda non lle foi notificada ao Concello e que non é firme, será estudada de xeito pormenorizado polos técnicos municipais, que analizarán “a posibilidade de interpoñer recurso”, engade.
O rexedor insiste en que “se a Deputación fixera un mínimo esforzo podería seguir financiando o CODI do mesmo xeito que o fixo o anterior goberno do Partido Popular durante catro anos e cos mesmos funcionarios que agora, que informaron sempre favorablemente, polo que non se estaba a cometer ningunha ilegalidade. O que falta é vontade por parte da señora Carmela Silva e do seu goberno”. Ademais, Bello Maneiro lamenta “a insensibilidade demostrada polo PSOE e o BNG na Deputación” en relación coas persoas con discapacidade. “Como se demostra no caso de Valga, non poden presumir de apoiar aos discapacitados, senón todo o contrario”.
O alcalde recoméndalle á señora Carmela Silva que “se informe do servizo que presta o CODI, do traballo que se realiza no centro e que actividades se poñen a disposición dos usuarios. É ridículo que compare o CODI de Valga co centro para maiores de Meaño porque non teñen nada que ver. Non coñezo un concello de menos de 20.000 habitantes que xestione un centro para discapacitados como o noso, polo que en ningún caso resultaría discriminatorio subvencionar ao CODI”. Bello Maneiro amósase convencido de que, “se este concello se chamase Vigo non se lle retirarían as axudas. Ao contrario, aumentaríanse aínda máis”.
Para o rexedor “o que resulta máis doloroso é que persoas de Valga se alegren desta noticia. Non lles importa que poidan ir para a casa os usuarios do CODI e máis os traballadores, que están a facer unha grande labor. Isto di moi pouco dos concelleiros do PSOE de Valga, que esquecen a súa condición de representantes públicos para antepoñer os seus intereses políticos”. Os valgueses “sentímonos moi orgullosos do CODI, como deberían facer tamén Carmela Silva e o PSOE de Valga. Somos un concello de 6.000 habitantes que está a facer un grande esforzo económico para dar servizo a persoas de toda a comarca”.
Neste sentido, José María Bello Maneiro garantiza que, “lle pese a quen lle pese, o CODI seguirá funcionando e prestando servizo e atención ás persoas con discapacidade”. O 2018, tal e como recollen os orzamentos que entraron en vigor esta semana, será o terceiro ano consecutivo no que o Concello de Valga asuma integramente o financiamento do CODI, o que demostra que “a este goberno si lle importa o benestar das persoas con discapacidade e traballa para que poidan recibir a atención que precisan e merecen”. Tal é así que, se os técnicos municipais estiman que non debe presentarse recurso contra a recente sentencia non se fara. “E se cren que debemos ir a un contencioso coa Xunta para conseguir financiación, faremolo porque o que dicimos cumprímolo sempre, como temos demostrado en ocasións anteriores e independentemente do color político. O noso único obxectivo é garantir o funcionamento do CODI e seguir traballando polo benestar dos veciños de Valga por enriba dos inteses políticos”, conclúe o alcalde.