Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Entre as principais actuacións atópanse a execución dun carril bici e dun auditorio ao aire libre

- Tamén se está a mellorar o parque infantil e instalarase novo mobiliario e iluminación

ObrasPIDM1

Valga, 26 de novembro de 2020.

O proxecto de mellora humanización do Parque Irmáns Dios Mosquera atópase na súa fase final de obras, con algunhas das principais actuacións avanzadas ou a piques de rematar. É o caso do auditorio ao aire libre, o carril bici ou o parque infantil.

O escenario e a bancada do auditorio construíronse separados polo regato que atravesa o parque e sen que supuxeran unha alteración do entorno, xa que os chanzos quedaron integrados no propio desnivel físico do terreo. No tocante ao carril bici que bordea o parque, ten carácter de circuíto pechado pero, ao mesmo tempo, con posibilidade de continuidade futura. Ademais, en paralelo a este carril, estase a habilitar unha senda peonil para favorecer os paseos sen interromper a actividade interna deste espazo de lecer e esparexemento. Para completar a senda, instalarase unha nova pasarela peonil que cruzará o regato.

Están avanzados tamén os traballos de mellora e ampliación da zona de parque infantil, no que se instalaron novos xogos para nenos de distintas idades, entre eles unha tirolina. O proxecto complétase coa habilitación de aseos públicos e a dotación de iluminación e novo mobiliario urbano, coma papeleiras, mesas e bancos que ofrezan aos usuarios a comodidade axeitada para gozar dunha xornada no parque.

Para a execución deste proxecto, que foi adxudicado por 309.104 euros á empresa Ingeniería y Construcciones Piñeiro S.L., o Concello e a Xunta de Galicia asinaron un convenio de colaboración.

O obxectivo é realzar a importancia deste entorno e convertelo nunha das zonas de recreo e lecer por excelencia do municipio e da contorna, ofrecendo aos veciños e visitantes un espazo cheo de posibilidades, dando valor á súa paisaxe característica e facéndoo o máis versátil posible para a realización do maior número de actividades.

ObrasPIDM2           ObrasPIDM3

ObrasPIDM4 ObrasPIDM5

ObrasPIDM6 ObrasPIDM7

Volver