Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Instalouse o sistema de calefacción e aire acondicionado na biblioteca e na planta destinada a arquivo municipal

- A actuación, valorada en 97.452 euros, financiouse a través dun convenio coa Xunta de Galicia

ClimaEdificio1

Valga, 25 de novembro de 2020.

O alcalde, José María Bello Maneiro, o xefe territorial de Presidencia da Xunta de Galicia, Ramón Pereiro, e a concelleira Carmen Gómez visitaron esta mañá o edificio de usos administrativos, no que recentemente se executou a segunda fase da instalación dos sistemas de climatización. Estas obras, que contaron cun orzamento de 97.452’67 euros, financiáronse a través dun convenio asinado entre o Concello e a Vicepresidencia da Xunta.

Os responsables municipais e autonómico comprobaron a execución do proxecto, que correu a cargo da empresa valguesa Nurmel S.L. e que foi continuación dos traballos executados o ano pasado na planta baixa do inmoble, na que xa prestan servizo a Policía Local, o xulgado de paz e Radio Valga. Daquela instalárase unha bomba de calor aire-auga e varios “fancoils de cassette” de dous tubos nas distintas dependencias. Estes son uns dispositivos que van colocados no teito e que están formados por unha batería de intercambio de frío e calor e un ventilador.

Agora completouse e o sistema de climatización do edificio coa colocación dun recuperador de calor e de “fancoils de cassette” de baixo consumo enerxético na biblioteca e no arquivo. Tamén se instalaron os condutos de ventilación necesarios e executouse un tabique de bloque cerámico de termoarxila para illar a sala de máquinas.

      ClimaEdificio2           ClimaEdificio3

Volver