- O obxectivo é rebaixar un 40% as emisións locais no ano 2030
- O Concello está adherido, dende febreiro, ao Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía Sostible
Valga, 24 de novembro de 2020.
O Pleno de Valga aprobou onte por unanimidade o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible, co que o Concello se marca como obxectivo a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro no termo municipal para tratar de minimizar os riscos derivados do cambio climático.
Neste documento, están recollidas as medidas propostas polo Concello para diminuír as súas emisións de gases de efecto invernadoiro (principais responsables do actual cambio climático) e reducir os riscos derivados dos efectos do cambio climático sobre a poboación valguesa (tales como as secas, os asolagamentos, os incendios forestais ou as vagas de calor). Así mesmo, plantéxanse unha serie de medidas encamiñadas a reducir a pobreza enerxética.
Os obxectivos que se marca o Concello coa aplicación destas accións correctoras inclúen avanzar cara un municipio eficiente, reducir a xeración de residuos e mellorar a súa recollida, fomentar unha economía verde e circular, fomentar o uso das enerxías renovables, reducir as emisións municipais e promover a redución das non municipais e loitar contra a pobreza enerxética, entre outros.
Este Plan de Acción xorde da adhesión do Concello de Valga ao Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía Sostible, unha iniciativa da Comisión Europea fronte ao cambio climático e para a aplicación de boas prácticas en ámbitos coma a mellora da eficiencia enerxética ou a redución das emisións de CO2. Este Pacto é unha rede composta por municipios de todo o mundo que comparten o compromiso de reducir un 40% as súas emisións de gases de efecto invernadoiro no ano 2030.
Na sesión plenaria tamén se deu conta á Corporación dos informes sobre execución trimestral do orzamento, o período medio de pago a provedores e o informe sobre prazos de pago correspondentes ao terceiro trimestre do ano.