Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Alumnado e usuarios de todos os centros de Valga participaron na grabación dun vídeo de concienciación

- Representantes dos colexios asistiron esta mañá á presentación da peza audiovisual, que tivo lugar no Salón de Plenos

25N2020 1

Valga, 24 de novembro de 2020.

O Salón de Plenos acolleu esta mañá a presentación da campaña “É o momento da verdade. Valga 25-N”, contra a desigualdade e a violencia de xénero, na que colaboraron o Concello e os centros educativos do municipio: a Escola Infantil Municipal, o CRA de Valga, os colexios Baño-Xanza e Xesús Ferro Couselo, o IES de Valga, o CODI e a Escola Municipal de Música.

Representantes dos equipos directivos e docentes de todos os centros asistiron á estrea da peza audiovisual, acompañados polo alcalde, José María Bello Maneiro, e as concelleiras de Igualdade e Educación, Begoña Piñeiro e Carmen Gómez.

O vídeo, que o Concello difundirá mañá, inclúe mensaxes de concienciación coma “Non cales ante calquera forma de violencia machista”, “Non deixes de ver as desigualdades” “Por unha sociedade igualitaria”, “Pola eliminación de roles e estereotipos sexistas” ou “Polo camiñar cara a tolerancia o respecto e a diversidade”, entre outros. O obxectivo é visualizar a unidade e o compromiso da comunidade educativa valguesa ante o rexeitamento de calquera forma de violencia exercida por razóns de xénero.

Os representantes do goberno municipal agradeceron a colaboración dos centros educativos para que esta acción de sensibilización fora posible e así contribuír a “construír un mundo máis xusto e igualitario”. “Os nenos e mozos representan a esperanza de que nun futuro non teñamos que facer campañas coma esta porque xa non suframos esta lacra que tan duramente golpeou a Valga”, dixo o alcalde.

A iniciativa contou coa colaboración financieira da Deputación Provincial.

Reparto de material de sensibilización

A campaña municipal con motivo do Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, que se conmemora mañá, tivo hoxe outro punto de acción: o Centro de Saúde onde o persoal do Centro de Información á Muller  repartiu material de sensibilización. Esta actividade repetirase mañá no Concello e no Auditorio Municipal.

Ademais, o venres día 27 instalarase no Auditorio un stand do programa “Agresión Off: Eu digo non á violencia sexual”, da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta. Será entre as 16:00 e as 20:00 horas.

Incluirá obradoiros de sensibilización e actividades lúdicas dirixidas a todas as idades. No caso do público infantil, hai un espazo especial destinado a dinámicas adaptadas á súa idade. Entre as temáticas que se abordan destacan o desmantelamento de estereotipos de xénero co obxectivo de combater o sexismo desde a infancia; mitos sobre o amor; alerta de micromachismos; a parella e a igualdade; autoestima e valoración persoal; violencia e novas tecnoloxías; e a educación en igualdade.

25N2020 2 25N2020 3

25N2020 4 25N2020 5

Volver