Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O número de casos aumentou de forma preocupante nos últimos días, polo que é necesario extremar as precaucións

- Non deben celebrarse festas nin reunións entre persoas non conviventes, xa que poñen en risco aos participantes e a outras moitas persoas

Covid

Valga, 23 de novembro de 2020.

O concello de Valga atópase dende hai uns días en alerta amarela por Covid-19. En apenas unhas xornadas, aumentaron de xeito preocupante os casos de coronavirus diagnosticados entre pacientes dependentes do noso Centro de Saúde.

É por isto que o goberno municipal quere facer un chamamento á responsabilidade por parte de toda a poboación para conseguir frear os contaxios, xa que moitos deles son debidos ao incumprimento das medidas restritivas que están en vigor, moi especialmente por reunións entre persoas que non deberían realizarse nesta época de pandemia.

A clave para conseguir que a situación se normalice e que os contaxios descendan está en nós, no noso sentido común, na nosa responsabilidade e na nosa xenerosidade, evitando todos aqueles comportamentos que nos poidan poñer en risco a nós, ás persoas do noso entorno máis próximo e a outra moita xente que si está cumprindo as recomendacións das autoridades sanitarias.

Neste sentido, o goberno local lembra algunhas das medidas sanitarias que están en vigor e que son de obrigado cumprimento para toda a poboación:

- As reunións están limitadas a un máximo de 6 persoas non conviventes

- Está prohibida a mobilidade entre as 23:00 e as 6:00 horas

- Están prohibidas as festas

- O aforo nos establecementos comerciais e de hostalería está limitado ao 50%, nas terrazas ao 75% e está prohibido o consumo en barra nos bares

- Nas cafeterías, bares e restaurantes (tanto no interior coma nas terrazas) só está permitido sacar a mascarilla no momento de consumir, podendo ser sancionados tanto o cliente coma o hostaleiro. É por iso, que o goberno pide aos propietarios de bares e restaurantes que advirtan aos seus clientes desta medida.

Ademais destas restricións, é recomendable limitar ao máximo as actividades sociais e as reunións con persoas non conviventes, salvo casos necesarios por causas de forza maior. Por último, é preciso lembrar a aquelas persoas que estiveran en contacto con algún positivo, que deben permanecer illados en corentena, sen ter contacto con outras persoas para evitar que o virus siga expandíndose.

Volver