- A acción formativa comezará no mes de decembro e terá unha duración de nove meses
- Os aprendices estarán divididos nas especialidades de carpintería e forestais
Valga, 23 de novembro de 2020.
A Consellería de Emprego da Xunta de Galicia vén de comunicar ao Concello a concesión dunha nova subvención para a posta en marcha doutro Obradoiro de Emprego conxunto entre os concellos de Valga e Moraña. Trátase da quinta edición do proxecto Ulla-Umia, na que participarán vinte persoas desempregadas destes dous municipios.
A aportación aprobada pola administración autonómica ascende a 346.946 euros. A acción formativa dará comezo a finais do mes de decembro e terá unha duración de nove meses. A sede quedará establecida en Valga. Os aprendices seleccionados formaranse nas especialidades de carpintería e traballos forestais. Recibirán formación teórica e realizarán prácticas consistentes en obras de interese público co obxectivo de acadar un certificado de profesionalidade que favoreza a súa inserción no mercado laboral.
No caso de Valga, as obras que está previsto executar no marco deste obradoiro son: dotación de mobiliario urbano como papeleiras e puntos de información, reparación e instalación de varandas e outros traballos con madeira no módulo de carpintería; e na especialidade de forestais, traballos de mellora en áreas coma o Camiño Portugués, o Miradoiro de Beiro e outros espazos verdes municipais.
Hai que lembrar, que a pasada semana deu comezo outro Obradoiro de Emprego aprobado e subvencionado pola Xunta, destinado neste caso a mozos de ata 30 anos de idade. Este proxecto tamén é conxunto co concello de Moraña e conta coa participación de 16 persoas, das que oito son veciños de Valga. As especialidades que se imparten son albanelería e forestais, con sesións teóricas e prácticas, estas últimas consistentes en obras de carácter público. O orzamento desta acción ascende a 430.000 euros e a duración será dun ano.