Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alumnado dos seis colexios rurais participa en obradoiros para coñecer que é e como se produce o compost

- Cada escola contará, ademais, cun composteiro para depositar os residuos orgánicos e xerar abono

CompostaxeCRA1

Valga, 23 de novembro de 2020.

O Centro Rural Agrupado (CRA) de Valga súmase ás actividades do Plan Revitaliza para a divulgación do tratamento sustentable de residuos e, en concreto, da compostaxe.

A escola unitaria de Campaña foi hoxe a primeira en poñer en marcha o seu propio composteiro, no que os nenos e o persoal docente irán depositando os residuos orgánicos que xeren no centro, procedente fundamentalmente das merendas (mondas de froita e outros restos de comida). O programa de merendas saudables que dende hai tempo ten implantado o CRA compleméntase á perfección coa compostaxe, mediante a cal poderán obter abono natural para abastecer os hortos escolares nos que cultivan cenorias ou perexil, entre outras plantas e hortalizas.

CompostaxeCRA2 CompostaxeCRA3

CompostaxeCRA4 CompostaxeCRA5

Trala instalación do composteiro, á que asistiu a concelleira de Educación, Carmen Gómez, os nenos de Campaña participaron no obradoiro “Os bichocos e a composteca”, un contacontos con xogos, probas de psicomotricidade e debuxos para explicarlles que é a compostaxe, como se obtén o abono natural e como poden contribuír eles e as súas familias. Un teatriño con figuras e outros elementos e obxectos fixo de guía visual para que os rapaces, de 3 e 4 anos de idade, entenderan cada paso do proceso.

O obradoiro “Os bichocos e a composteca” continuará realizando nos próximos días un percorrido polas outras cinco escolas do CRA (Chenlo, Forno, Xanza, Vilarello e Ferreirós), nas que tamén se instalarán composteiros. Estas actividades teñen como obxectivo implicar á comunidade educativa e, especialmente, aos máis pequenos, no tratamento sustentable e ecolóxico dos residuos domésticos, para que actúen como transmisores da mensaxe nos seus fogares.

CompostaxeCRA6 CompostaxeCRA7

CompostaxeCRA8 CompostaxeCRA9

 

Reparto de composteiros domésticos

En paralelo a estas actividades, o Concello continúa co reparto de composteiros domésticos entre a poboación. A pasada semana distribuíronse un total de 52 entre outras tantas familias dos lugares de Forno, Socastro, Barcia e Gándara, na parroquia de Cordeiro.

Durante esta semana están fixados outros tres días de entrega: mañá martes no Parque de Barcia para veciños deste lugar e tamén de Barro, A Canle e Cotriños. O mércores están citados no Auditorio Municipal residentes de Casanova, Carballa, Castiñeiras e Eiras. E, por último, o xoves a reunión terá lugar no local social de Moldes, con veciños desta aldea, así coma de Carracido e Laxes.

Nestas xuntanzas, os técnicos do Plan Revitaliza explícanlles aos veciños o sistema de montaxe e o modo de uso dos composteiros, que lles permitirán obter abono natural a partir dos restos orgánicos xerados nos seus domicilios. Ademais, entrégase a cada persoa un aireador e un termómetro, dúas ferramentas necesarias durante o proceso de compostaxe.

Ademais destes composteiros individuais, hai que lembrar que xa está en funcionamento o centro de compostaxe comunitario da Avenida da Coruña. A participación está a ser elevadas por parte da veciñanza, que ten que lembrar que, despois de cada aportación, hai que cubrir os residuos con estruturante (restos de poda) que está á súa disposición no propio centro de compostaxe. É un paso importante para evitar cheiros e para optimizar o proceso de obtención de abono.

CompostaxeEscolaTaller1          CompostaxeEscolaTaller2

Volver