Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- As obras gañadoras daranse a coñecer a finais do mes de decembro

- O certame, convocado polo Concello dende 1996, trata de promover e incentivar os estudos actuais de investigación no campo das ciencias históricas

premioferrocouselo

Valga, 20 de novembro de 2020.

Un total de doce traballos optan a gañar a XXI edición do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo nas súas dúas modalidades.

O prazo para presentar os traballos rematou o pasado 31 de outubro, despois de que o Concello decidise amplialo tendo en conta que a situación de emerxencia sanitaria e a declaración, entre os meses de marzo e xuño, do Estado de Alarma impediron o normal desenvolvemento da convocatoria, coa que se promoven e incentivan os estudos actuais de investigación no campo das ciencias históricas.

Son oito as investigacións que optan a gañar a primeira modalidade do Premio, dotada con 4.000 euros e referida a traballos de investigación de ámbito galego, dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte. As bases do certame establecen que as obras, presentadas baixo pseudónimo, deben estar escritas en galego e ser inéditas, cunha extensión dun mínimo de 50 folios e un máximo de 300.

Á segunda modalidade, pola que se convoca unha bolsa de estudos para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga, concorreron outros catro traballos. Neste caso os participantes tiñan que presentar un guión razonado detallando os obxectivos que pretenden acadar co seu proxecto, a metodoloxía a empregar e as distintas fases de realización. Esta bolsa está dotada con 3.000 euros. O 25% desta cantidade entregarase unha vez fallado o premio e o 75% restante ao remate do proxecto.

Todos os traballos foron xa entregados aos membros do xurado para a súa lectura e análise. O tribunal está presidido polo alcalde, José María Bello Maneiro, e integrado por Pegerto Saavedra Fernández, catedrático de Historia Moderna na Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega; Xulio Rodríguez González, director do Museo Arqueolóxico de Ourense e facultativo do corpo superior de museos; Pablo Sánchez Ferro, neto de Xesús Ferro Couselo, director do Arquivo Municipal de Ourense e técnico superior do corpo facultativo de arquiveiros da Xunta de Galicia; e Marcial Gondar Portasany, catedrático de Antropoloxía Social da USC, membro da sección de Etnografía do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e do padroado do Museo do Pobo Galego. Como secretaria, con voz pero sen voto, actuará Vanesa Losada, técnica responsable do Museo da Historia.

Os gañadores daranse a coñecer a finais do mes de decembro. As obras premiadas quedarán en poder do Concello, que se reserva o dereito de publicación.

O Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo é convocado polo Concello de Valga dende o ano 1996, no que a Real Academia Galega adicou o Día das Letras Galegas a Xesús Ferro Couselo, Fillo Predilecto de Valga e insigne figura da cultura galega. Na pasada edición a gañadora da primeira modalidade foi a investigadora Beatriz Corbacho González coa obra “Labrando nutrientes. Intensificación agraria e manexo da fertilidade do solo nunha agricultura atlántica: Galicia, séculos XVIII e XIX”. A segunda modalidade quedou deserta.

Volver