Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- No encontro tamén participaron os directores xerais de Industria e Montes da Xunta de Galicia

- Tratáronse asuntos como o futuro parque empresarial, a formación á carta e a creación de postos de traballo

empresarios1

Valga, 2 de xaneiro de 2018.

O alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Emprego, Carmen Gómez, participaron este mediodía nunha comida de traballo con empresarios de Valga que o Concello organiza anualmente nestas datas para coñecer a situación do tecido empresarial e industrial de Valga e as súas necesidades. Tamén asitiron os directores xerais de Industria e Montes da Xunta de Galicia, Bernardo Tahoces e Tomás Fernández Couto, que tiveron oportunidade de compartir impresións con representantes das empresas Urovesa, Exlabesa, Hormadisa, ODL, Valdeza, Transportes Touceda, Serrerías Rodríguez, Barton, Intavalsa Transportes Jamardo e Extrugasa. O presidente desta última, Andrés Quintá, é ademais o máximo responsable da asociación de empresarios dos vales Ulla e Umia (Aevu).

Durante a comida de traballo e na sobremesa os empresarios expuxeron cales son as súas meirandes necesidades aos directores xerais en busca de colaboración coa administración autonómica e cara a mellorar e consolidar a súa actividade industrial e para continuar xerando emprego. Ademais, destacaron a importancia da formación á carta nas propias empresas para poder contar con persoal cualificado.

Ao alcalde trasladáronlle fórmulas para que a relación entre o Concello e o sector empresarial continúe a ser igual de fluída e fructífera para o pobo de Valga e preguntáronlle como se atopan os trámites para a creación do parque empresarial, para o que algúns deles xa solicitaron parcelas.

O rexedor amosouse satisfeito coa evolución da taxa de desemprego no municipio dende o comezo desta lexislatura, que baixou de 600 parados en 2015 aos 442 rexistrados a finais do mes de xaneiro. Aínda así, agarda que o dato continúe descendendo e para iso solicitou un esforzo aos empresarios no tocante á creación de novos postos de traballos para os valgueses. Neste sentido, o alcalde lembroulles que o Concello mantén dende hai anos unha liña de subvencións para todas aquelas empresas que contraten a veciños desempregados de Valga.

 empresarios3 empresarios2

Volver