Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- No mes de outubro tamén se proclamou gañador do campionato galego en Vigo

- O alcalde felicitouno polos seus logros e desexoulle novos éxitos na súa carreira deportiva

IsmaNavaza1

Valga, 19 de novembro de 2020.

Valga estivo representada a pasada fin de semana no Campionato de España de ximnasia rítmica que se disputou en Valencia, a través do mozo Ismael Navaza Eiras. Aos seus 15 anos e con orixes en Valga, proclamouse subcampión nacional júnior cunha brillante actuación con tres aparellos (corda, cinta e mazas) nos que acadou as medallas de ouro, prata e bronce, respectivamente. Todo un logro á altura do traballo que vén realizando dende ben pequeno.

Ismael, fillo da valguesa Ana Eiras, deu os seus primeiros pasos na ximnasia rítmica aos seis anos, cando comezou Educación Primaria no colexio Peleteiro de Santiago. Quedou claro dende o principio que esta disciplina lle ía como anel ao dedo e a súa adestradora animouno a ingresar no Club Deportivo Ximnasia Rítmica Compostela. Nun deporte no que a presenza masculina é moi escasa, Ismael conseguiu romper todas as barreiras e, facendo conxunto con cinco nenas, comezou a despuntar polos pavillóns de Galicia.

Chegaron a gañar varios campionatos galegos, pero o soño deste mozo era competir a nivel nacional e para iso non podía facelo coas súas compañeiras. Ata este mesmo ano a Federación Española de Ximnasia non permitía a participación de conxuntos mixtos nos seus campionatos e, por iso, Ismael tivo que deixar o grupo para competir individualmente. “Costoulle un mundo”, lembra súa nai, “porque é moi tímido e se sae ao tapiz con máis ximnastas as miradas van de un lado a outro, pero se está só todos os ollos están centrados en el”. Aínda así, conseguiu superar ese medo e en 2018 participou no Euskalgym en Bilbao e o ano pasado acudiu, por primeira vez, nun campionato nacional en Mallorca. Acadou o décimo posto.

Neste incerto 2020 todo foi moito máis complexo. A situación sanitaria e o confinamento obrigárono a reducir as horas de adestramento e a idear novas formas de prepararse. Sempre se mantivo activo, con sesións por internet e vídeo chamadas, e isto permitiulle chegar en plena forma ao Campionato Galego de ximnasia rítmica masculina que se celebrou o 24 de outubro en Vigo. Alí proclamouse campión rexional en categoría júnior, o que lle deu acceso directo ao Campionato de España no que acadou o subcampionato. Este excelente resultado permítelle, ademais, ascender á primeira categoría para competir a temporada que vén entre os mellores ximnastas nacionais.

          IsmaNavaza2                   IsmaNavaza3

O alcalde, José María Bello Maneiro, púxose en contacto esta semana con Ismael Navaza para felicitalo por este logro deportivo e animalo a continuar coa súa carreira porque, con tesón e esforzo, chegarán novos éxitos. O rexedor tamén transmitiu os parabéns á nai do deportista, natural do Forno (Cordeiro), onde ademais viviu os seus primeiros 18 anos. “Fun á escola a Baño, ao instituto a Padrón­... ata os 18 cando me trasladei a Santiago para estudar na universidade (é enfermeira)”. Estableceuse en Compostela pero os seus vencellos con Valga seguen sendo fortes. “Eu sempre digo que ‘Un é de onde nace, non de onde pace’, e eu considérome valguesa. De feito, sigo tendo o meu médico no Centro de Saúde de Baño”, comenta Ana Eiras. O seu pai tamén era de Cordeiro, Nelo Eiras. “Traballou moitos anos nos autobuses de Piñeiro e faleceu hai sete anos. Estaría orgulloso de ver ao seu netiño” acadar o éxito facendo o que máis lle gusta.

Aínda que agora a Covid-19 o pon bastante difícil, Ana segue visitando a súa terra natal con frecuencia para visitar a súa nai, Sabina, que é ferrolana pero leva en Valga desde 1962. “Ademais, cando vou ao cemiterio, fágoo andando e párome a falar coas persoas que atopo. Encántame dar camiñatas pola miña terra e facerlle visitas aos veciños” e esta paixón transmitiulla tamén ao seu marido e aos seus fillos.

IsmaNavaza4

A situación da ximnasia rítmica masculina

Cando fala da carreira do seu fillo Ismael, Ana Eiras fai moito fincapé na situación da ximnasia rítmica masculina. “É unha disciplina moi minoritaria e precisamente por iso os pais dos ximnastas estamos moi unidos. Temos un grupo que chamamos ‘Valentes. Por un deporte sen xénero’. Porque realmente os nosos fillos son moi valentes, aman o que fan e non lles importa en absoluto estar en minoría”.

Grazas ao esforzo de todos, vanse dando novos pasos de cara a plena igualdade nesta disciplina. “Este ano conseguimos que a Federación acepte os conxuntos mixtos nos campionatos nacionais, polo que en 2021 por primeira vez en España e no mundo vaise organizar o primeiro torneo no que poidan participar equipos mixtos. É un enorme éxito para todos nós”.

IsmaNavaza5 IsmaNavaza6

Volver