Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Sete mulleres portaron as cestas coas ofrendas diante de San Antonio, San Roque e San Paio e co acompañamento de numerosos veciños

- Os prezos dos lacóns oscilaron entre os 30 e os 115 euros, recadándose na poxa 402 euros para a parroquia

lacons1

Valga, 2 de xaneiro de 2018.

No día da Candeloria as aldeas de Vilar, Vilarello, Moldes, As Eiras, Outeiro, Ferreirós e Beiro viron pasar a Procesión dos Lacóns camiño da igrexa parroquial de Cordeiro encabezada por sete mulleres que portaban sobre as súas cabezas outras tantas cestas con oito patas de porco, seguidas de San Antonio, San Roque e San Paio e numerosos veciños que non quixeron fallar á tradición nesta xornada festiva en Valga.

Ás dez da mañá o párroco Arturo Lores, na que foi a súa primeira Procesión dos Lacóns tras facerse cargo da parroquia hai uns tres meses meses, oficiou unha misa na capela de San Paio de Vilar e, a contiuación, saiu a longa procesión con sete lacóns como protagonistas. Na primeira parada, en Vilarello, sumouse unha pata de porco máis, ata completar as oito que se poxaron a mediodía no adro da igrexa.

Unha salva de bombas anunciaba a chegada da procesión a cada unha das sete aldeas. En Vilarello, Moldes e As Eiras, as tres primeiras paradas, os veciños engalaron senllas mesas cubertas con mimosas, camelias e cruces feitas con laranxas nas que repousaron San Antonio, San Roque e San Paio mentras o paso descansaba e as mulleres que o guiaban collían folgos. En Ferreirós, recibíronos cunha merenda con galletas, magdalenas e uns grolos de anís e viño doce. Foi un só un aperitivo do convite que uns minutos despois lles ofreceu o cura no interior da reitoral a base de tortilla, bocadillos e outros pinchos.

Á chegada á igrexa de Santa Comba a procesión deu unha volta completa ao templo antes de que os tres santos e as ofrendas accederan ao interior. A continuación celebrouse a misa solemne que deu paso á subasta das oito patas de porco entre unha grande expectación dos veciños, tanto os que poxaron coma os que non. Os lacóns vendéronse un por 30 euros, dous por 35, outros dous por 40 e 50 euros e, os máis codiciados, por 97 e 115 euros. Recadáronse, deste xeito, 402 euros para a parroquia. Entre os compradores, grupos de veciños ou familiares e tamén colectivos como a asociación Amigos do Belén, que adquiriu dúas pezas.

A Procesión dos Lacóns é unha das tradicións relixiosas máis senlleiras de cantas se celebran en Valga e a súa orixe remóntase ao século XIX, cando unha epidemia de peste afectou ao gando e provocou que os veciños comezasen a facer estas ofrendas aos santos. O día 25 de xaneiro, festividade de San Paio, San Antonio e San Roque trasládanse dende a igrexa de Cordeiro ata a capela de Vilar como homenaxe ao patrón desta aldea. Alí permanecen durante máis dunha semana, ata o día da Candeloria, cando San Antonio e San Roque regresan en procesión ata o templo de Cordeiro co acompañamento de San Paio.

lacons2 lacons3

lacons4 lacons6

lacons7 lacons8 

lacons9 lacons10 

 

Máis fotos: https://www.facebook.com/media/set/?set=a.214224432459351.1073741957.131969484018180&type=1&l=f7f97344bf

Volver