Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Amigos do Belén traballa dende o mes de outubro na montaxe, que se inaugurará o primeiro domingo de decembro

- A pandemia marcará tamén esta edición do nacemento, na que as visitas serán reducidas e sen aglomeracións

MontaxeBelén20 1

Valga, 18 de novembro de 2020.

O deste 2020 será un Nadal diferente, marcado pola situación sanitaria. A pandemia impedirá vivir estas festas como de costume, pero o espírito seguirá sendo o mesmo. Por iso, a asociación Amigos do Belén prepara con idéntica ilusión unha nova edición do Belén Artesanal en Movemento nun ano, ademais, moi especial no que se cumpre o 25 aniversario do nacemento.

Os traballos de preparación e montaxe comezaron a mediados de outubro e, polo de agora, “todo vai moito mellor do que esperabamos. Está a ser coma unha edición normal e nós estamos a vivilo coas mesmas gañas e ilusión ca sempre”, apunta a presidenta da asociación, Mari Carmen Castiñeiras. E isto a pesar de todas as medidas adoptadas para a prevención da Covid-19. Instalaron mamparas de plástico para separar o espazo no que traballa cada persoa, o equipo está repartido en diferentes estancias e departamentos e o local está permanentemente ventilado.

Polo demais, o proceso a seguir nestas primeiras semanas de tarefas foi o habitual: desmontaxe do Belén do pasado ano, plantexamento das novidades a incorporar ao novo deseño e creación artesanal das figuras, edificacións e escenas que se incorporarán ao nacemento. En paralelo, varias persoas xa traballan tamén na montaxe da nova composición, que en pouco ou nada se asemellará á de 2019.

O Belén Artesanal inaugurarase o primeiro domingo de decembro, día 6, e permanecerá aberto ao público ata o 10 de xaneiro, sempre que a situación sanitaria o permita. Non haberá este ano grandes aglomeracións, serán visitas reducidas e, principalmente, de familias ao non ser posible a organización de excursións. Será aí onde máis se noten as consecuencias da pandemia, tendo en conta que nos últimos anos as visitas ao Belén superaron as 40.000, algo imposible nestas circunstancias que obrigan a limitar ao máximo as aglomeracións e a extremar as medidas hixiénicas e sanitarias, coma o uso de mascarilla e o respecto da distancia de seguridade.

Do que non cabe dúbida é de que será unha edición que “quedará para a historia”, di Mari Carmen Castiñeiras. “Chegar aos 25 anos é un orgullo. Lembrando as primeiras edicións, non se parecían en nada ao que facemos agora. A evolución foi inmensa e a valoración, totalmente positiva. Nunca pensamos chegar a isto, a recibir tantísimas visitas e a ser noticia nos telediarios”.

Declarado de Interese Turístico de Galicia

O Belén Artesanal en Movemento está declarado dende 2013 de Interese Turístico de Galicia. A súa principal característica que o diferencia doutras montaxes é a conxugación de esceas propias do Nadal, como o nacemento do Neno ou a adoración dos Reis Magos, con tradicións locais e mostras da cultura popular do rural de Galicia como a matanza ou a sega e malla do trigo. A isto engádense figuras ilustres como Rosalía de Castro ou Xesús Ferro Couselo, personaxes famosos e a recreación de acontecementos de actualidade de ámbito local, nacional e internacional que fan deste un nacemento único. E todo feito a man de xeito artesanal polos veciños, dotando a moitas das figuras e escenas de movemento co emprego de motores de limpaparabrisas de coches e outros utensilios eléctricos.

Nunha superficie aproximada de 400 metros cadrados, o Belén de Campaña conta con arredor de 4.500 figuras feitas a man con papel, arame, cinta de carroceiro e pasta de modelar. As edificacións están construídas na súa meirande parte con estrutura de madeira e recubertas de pedra. Entre as novidades que xa preparan para esta edición haberá novos personaxes e escenas vencellados a ámbitos como o deporte, a política ou a vida social e recrearanse acontecementos que no último ano tiveron repercusión en Valga, en Galicia, en España e no mundo.

MontaxeBelén20 2 MontaxeBelén20 3

MontaxeBelén20 4          MontaxeBelén20 5

MontaxeBelén20 6 MontaxeBelén20 7

Volver