Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os centros educativos de Valga participaron na gravación dun spot de rexeitamento de calquera tipo de violencia

- O Centro de Información á Muller realizará o día 24 un reparto de material para a concienciación

agresionoff

Valga, 17 de novembro de 2020.

O Concello de Valga, a través da Concellería de Igualdade e Benestar Social, pon en marcha unha campaña de concienciación e sensibilización da poboación contra a violencia de xénero, con motivo do 25-N, data na que se conmemora o Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller.

As actividades comezan hoxe mesmo coa difusión de mensaxes de persoeiros ilustres a prol da igualdade e a liberdade ou sobre o feminismo e contra a violencia. Esta iniciativa arrancou cunha frase de Nelson Mandela, Premio Nobel da Paz en 1993 (“Ser libre non é só desfacerse das cadeas propias, senón vivir dunha forma que respecte e mellore a liberdade dos demais”), e continuará ata o día 21 de decembro con outras mensaxes de Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Martin Lugher King ou Malala Yousafzai, entre outros.

O martes día 24 o Centro de Información á Muller levará a cabo un reparto de material de sensibilización no Centro de Saúde. As profesionais do CIM protagonizarán, ademais, un programa na Radio Municipal no que reflexionarán sobre a violencia machista e a igualdade.

O mércores 25, Día contra a violencia de xénero, presentarase un spot gravado nos centros educativos de Valga: a Escola Infantil Municipal, o CRA, os colexios Ferro Couselo e Baño, o IES de Valga, a Escola de Música e o CODI. Esta peza audiovisual pretende visualizar a unidade e o compromiso da comunidade educativa ante o rexeitamento de calquera forma de violencia exercida por razóns de xénero. Esta acción é subvencionada pola Deputación.

Outra das actividades desta campaña de sensibilización celebrarase o venres, día 27, no Auditorio Municipal. Entre as 16:00 e as 20:00 horas instalarase un stand do programa “Agresión Off: Eu digo non á violencia sexual”, da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta.

Incluirá obradoiros de sensibilización e actividades lúdicas dirixidas a todas as idades. No caso do público infantil, hai un espazo especial destinado a dinámicas adaptadas á súa idade. Entre as temáticas que se abordan destacan o desmantelamento de estereotipos de xénero co obxectivo de combater o sexismo desde a infancia; mitos sobre o amor; alerta de micromachismos; a parella e a igualdade; autoestima e valoración persoal; violencia e novas tecnoloxías; e a educación en igualdade.

Durante todo o mes de novembro pode verse no Auditorio unha exposición de pintura con obras  realizadas por usuarias do CIM no marco dun obradoiro de terapia creativa.

Ademais, dende finais de setembro estase a desenvolver o obradoiro de participación “Muller e participación”, unha proposta para o diálogo, a expresión e o benestar das mulleres de Valga.

Volver