- O coñecido artista puxo en escena o espectáculo “O que levamos nas maletas”, patrocinado polo programa FalaRedes
- Cancións e historias musicadas estimularon a creatividade e a imaxinación dos máis pequenos
Valga, 16 de novembro de 2020.
O coñecido cantante e músico infantil Magín Blanco ofreceu este domingo un concerto no Auditorio Municipal ao que asistiron unha trintena de persoas, maioritariamente familias que gozaron co espectáculo “O que levamos nas maletas”, patrocinado polo programa FalaRedes da Rede de Dinamización Lingüística
O artista, creador de “A nena e o grilo nun barquiño”, “Gatuxo” e outras composicións dirixidas a público infantil, interpretou en directo unha selección dos seus mellores temas acompañados dunha narración. A súa proposta de contacontos musicado axudou aos pequenos a estimular a súa creatividade e curiosidade polas letras e as palabras, pola lingua, polos contos e a música, creando todo un universo imaxinario.
Durante o concerto, das maletas do músico foron saíndo obxectos para introducir cada tema, dende instrumentos ata bonecos ou ferramentas. “O meu país”, “Rosalía Pequeniña”, “Os esqueletos” ou “Aquí estamos” foron algunhas das cancións que interpretou.