Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde e a concelleira Malena Isorna entregáronlle esta fin de semana unha tuba e un caixón de música

- A participación da Xove Banda no Certame Galego quedou anulada ao suspenderse o evento pola pandemia

Tuba1

Valga, 17 de novembro de 2020.

O Concello vén de adquirir novo instrumental para a Escola Municipal de Música, no marco da súa política de constante apoio a esta entidade de cara a potenciar a actividade cultural e formativa que desenvolve no ámbito musical, e impulsar as distintas agrupacións que a integran. Entre elas a Banda de Müsica Municipal e a Xove Banda, que este sábado ofreceron un concerto no Auditorio.

Foi precisamente no transcurso desa actuación cando o alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira responsable da Escola de Música, Malena Isorna, fixeron entrega dos novos instrumentos adquiridos: unha tuba co seu soporte e un caixón de música. O rexedor explicou que o goberno municipal tivo en conta as necesidades e prioridades marcadas polos responsables da Escola á hora de decidir que instrumental adquirir, ao igual que xa se fixera o pasado ano cando se mercou un piano de cola da marca Grotrian Steinweg.

Suspendido o Certame Galego de Bandas

Bello Maneiro e a edila presenciaron as actuacións das dúas agrupacións valguesas. A Xove Banda, dirixida por Diego Fortes Conde, interpretou o pasodobre galego “Bagaxes”, de Carlos Rodríguez Torres, e o tema “Jasper”, do compositor xaponés Daisuke Shimizu.

A Banda Municipal, con Manuel Villar Touceda á batuta, tocou o pasodobre “Pepita Greus”, de Pascual Pérez, “Codex Calixtinus”, de Miguel Brotóns, “La Corrida de Toros”, de Mario Bürki, e “Calamber”, de Xosé Luis Represas.

Este concerto fora programado como preparación do XIV Certame Galego de Bandas de Música que tiña previsto celebrarse os días 21 e 22 de novembro en Ourense e no que ían participar tanto a Xove Banda, que ía competir na Sección Xuvenil, como a Banda Municipal, convidada ao acto de clausura. Sen embargo, a finais da pasada semana a Federación Galega de Bandas comunicou a súa decisión de suspender o evento debido á situación da pandemia e ás restricións que afectan a algunhas das cidades galegas.

Aínda así, o alcalde aplaudiu o traballo realizado nos últimos meses para preparar o certame e o excelente nivel musical que ambas agrupacións amosaron sobre o escenario.

Tuba2            Tuba3

XoveBanda1 XoveBanda2

BandaMunicipal3 BandaMunicipal4

BandaMunicipal1 BandaMunicipal2

Volver