- Os establecementos que xa participan na campaña orixinal danse por inscritos e admítense novos establecementos ata o día 26
- Realizaranse dous sorteos con premio de 500 euros coincidindo coa Lotaría de Nadal e do Neno
Valga, 14 de novembro de 2020.
O goberno municipal quere seguir apoiando aos establecementos comerciais do municipio nestes momentos de incerteza económica a consecuencia da pandemia da Covid-19 e, por iso, decidiu ampliar a campaña Merca-Valga cunha edición especial para este Nadal. O obxectivo é continuar incentivando as compras nos comercios da nosa vila nunha das épocas de maior consumo do ano e contribuír, así, á reactivación da economía local.
Entre os clientes das tendas e establecementos adheridos á campaña repartiranse papeletas numeradas para a realización de dous novos sorteos con premios de 500 euros en vales de compra. Os gañadores serán os portadores do boleto que coincida coas catro últimas cifras dos dous sorteos emblemáticos desta época: a Lotería de Nadal, que ten lugar o 22 de decembro, e o Sorteo do Neno, o 6 de xaneiro.
Os comercios que xa están a participar na edición orixinal de Merca-Valga xa se consideran inscritos automaticamente na campaña de Nadal. Se algún deles quere darse de baixa pode facelo cubrindo unha ficha e entregándoa nas oficinas do Concello. Ademais, admítense novas inscricións de tendas e negocios de Valga. O prazo para presentar as solicitudes debidamente cubertas remata o día 26 de novembro. As dúas fichas (a de alta e a de baixa) poden descargarse na seguinte ligazón: https://www.valga.gal/atencion-cidada/impresos-solicitudes