- O novo modelo de xestión dos residuos orgánicos está xerando un grande interese entre a poboación
- A vindeira semana están previstas outras dúas reunións na Escola Taller para residentes en Gándara, Forno e Socastro
Valga, 13 de novembro de 2020.
A compostaxe continúa coa súa expansión entre a poboación de Valga a través do Plan Revitaliza, que esta semana repartiu outros 50 composteiros individuais a outros tantos veciños da parroquia de Cordeiro.
As entregas tiveron lugar o martes e o xoves no Auditorio Municipal coa participación do mestre composteiro do Concello e outros técnicos do Plan Revitaliza, que explicaron aos veciños o sistema de montaxe e o modo de uso dos composteiros, que lles permitirán obter abono natural a partir dos restos orgánicos xerados nos seus domicilios.
Para elo, poden empregar restos de comida cociñada ou crúa (carne, peixe, espiñas, ósos, mondas, pousos do café...) e tamén restos vexetais (céspede acabado de cortar ou plantas de todo tipo). Cada vez que se introduzan restos no composteiro estes deben cubrirse cunha capa de estruturante (follas secas, palla, restos de poda triturados ou outros restos leñosos) para favorecer o proceso. Unha vez obtido o compost, este poderá empregarse para abonar a horta, plantas ou árbores frutais. Só hai que ciscalo sobre a terra e deixar que os nutrintes se vaian filtrando ao regar ou coa chuvia.
Ademais dos composteiros, tamén se están a entregar a cada veciño un aireador e un termómetro, dúas ferramentas necesarias durante o proceso de compostaxe.
Con esta nova remesa, o Concello xa leva repartido case un cento de composteiros individuais. A aceptación deste proxecto por parte dos veciños está a ser moi boa, cun alto interese por sumarse a este novo modelo de xestión dos biorresiduos.
A vindeira semana están previstas outras dúas xornadas de entregas (o martes e o xoves) na Escola Taller para residentes dos lugares de Forno, Socastro e Gándara. As persoas que deben acudir ás reunións serán citadas previamente por carta e aqueles veciños que, por calquera motivo, non poidan asistir poden chamar á Oficina de Compostaxe do Concello (986 55 94 56) para concertar un día no que facerlle a entrega.
Ademais destes composteiros domésticos, tamén se están a implantar centros de compostaxe comunitarios en distintos puntos do municipio. O primeiro comezou a funcionar a pasada semana na Avenida da Coruña e nestes primeiros días as aportacións de residuos orgánicos por parte dos veciños están a ser elevadas. Tal é así que a primeira unidade está xa case á metade da súa capacidade. Os técnicos, que periodicamente realizan inspeccións, valoran estes resultados iniciais coma moi bos.
Proximamente instalaranse outros dous puntos de compostaxe comunitarios na rúa Dr. de Oya Salgueiro (fronte ao Concello), onde xa se está construíndo a base, e no colexio Baño-Xanza.