- O proxecto inclúe pavimentacións en pedra, a colocación dunha fonte, o pintado de prazas de estacionamento para discapacitados e instalación de cartelería
- A actuación conta cunha subvención da Xunta, a través do organismo Turismo de Galicia
Valga, 12 de novembro de 2020.
O Concello de Valga está a piques de rematar a execución dun proxecto de mellora da accesibilidade e da sinalización na área recreativa de Vilarello co obxectivo de potenciala como un dos principais recursos turísticos do municipio. Os traballos son realizados pola empresa Construcións Lemos e Martínez e son cofinanciados polo Concello e Turismo de Galicia.
As actuacións plantexadas neste entorno van encamiñadas a mellorar a accesibilidade da zona, a súa sinalización, a mellora dos espazos de aparcadoiro existentes e a instalación de paneis promocionais.
Nestes momentos estase a finalizar o acondicionamento da área de aparcamento emprazada nas proximidades da cafetería, un espazo duns 243 metros cadrados que tamén fai as funcións de distribuidor e acceso ás diferentes zonas da área recreativa, sendo o primeiro que ven os visitantes cando chegan. Esta zona, ata agora de terra, estase a pavimentar con lastros de pedra para que sexa máis accesible e practicable, ao tempo que se minimiza o impacto visual negativo.
Nas inmediacións instalouse unha nova fonte de pedra coa forma da concha do peregrino, unha das iconas do Camiño de Santiago, xa que pola praia fluvial de Vilarello discorre a Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla.
Xa está rematada tamén unha pequena ampliación das bancadas do auditorio ao aire libre que existe nesta área lúdica. O proxecto recolle, ademais, a pavimentación da zona de acceso a este auditorio, cos mesmos lastros de pedra que se empregaron noutras zonas para manter unha uniformidade en canto a materiais.
Para completar a actuación sinalizaranse prazas de estacionamento para persoas con diversidade funcional, instalarase un planímetro con textos e pictogramas en braille coa distribución/orografía da zona para facilitar a accesibilidade ás persoas con discapacidade visual, colocarase sinalización direccional que faga máis doado chegar ata a área recreativa e, por último, instalarase un panel promocional dos principais recursos turísticos de Valga con imaxes e códigos QR, para que os visitantes os descubran e poidan visitalos.