Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O evento poderá seguirse a través da canle de Youtube da Federación Galega de Bandas

- A Banda Municipal tamén asistirá para actuar como convidada na clausura

BANDAVALGA2

 Valga, 9 de novembro de 2020.

Valga estará de novo representada este ano no Certame Galego de Bandas de Música, que se celebra na fin de semana do 21 e do 22 de novembro en Expourense baixo a organización da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta e da Federación Galega de Bandas de Música Populares.

A Xove Banda, dirixida por Diego Fortes Conde, participará o domingo día 22 na Sección Xuvenil do concurso, dirixida a agrupacións de ata 50 músicos cunha idade máxima de 19 anos, e interpretará un total de tres obras. Comezará a súa intervención cun pasodobre galego de presentación, que non entrará en concurso e será “Bagaxes”, composto por Carlos Rodríguez Torres. A continuación tocará a peza obrigada “Os fillos de Mil”, de Andrés Rodríguez Rodríguez, e para rematar, a obra libre “Jasper”, do xaponés Daisuke Shimizu.

A actuación da agrupación xuvenil valguesa, ao igual que o resto do certame poderá verse en streaming a través da canle de Youtube da Federación Galega de Bandas de Música Populares.

A Xove Banda optará aos seguintes premios: 1.500 euros para o primeiro clasificado, 1.000 para o segundo e 800 para o terceiro. Tamén se outorgará un premio á mellor interpretación dunha obra de autoría ou temática galega, dotado con 700 euros. Precisamente este último, foi o galardón que recibiu a Xove Banda na súa anterior participación no certame, en 2017.

Ademais da banda xuvenil, tamén terá presenza no Certame Galego a Banda de Música Municipal de Valga, que actuará como agrupación convidada no acto de clausura.

Volver