Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os restos deste elemento etnográfico atopábanse cubertos pola maleza e pasaban desapercibidos para os peregrinos

- Tamén se acondicionará o entorno con pavimento, bancos e árbores autóctonas

ObrasLavadoiroFontenlo1

Valga, 6 de novembro de 2020.

O proxecto de rehabilitación do lavadoiro de Fontenlo comeza a cobrar forma. As obras para a recuperación deste elemento etnográfico situado á beira do Camiño Portugués a Santiago están en execución e permiten xa recoñecer parte da súa estrutura. Unha imaxe moi diferente á que viña ofrecendo nos últimos anos, cando pasaba completamente desapercibido para veciños e peregrinos ao estar oculto pola maleza.

Para levar a cabo esta actuación, o Concello tramitou unha subvención ante a Axencia Turismo de Galicia. O orzamento do proxecto ascende a 20.825 euros, cantidade na que se inclúen todas as actuacións necesarias para a posta en valor do lavadoiro e da súa contorna, axudando á valorización, mantemento e conservación deste elemento patrimonial, ao mesmo tempo que se contribúe ao embelecemento do Camiño de Santiago ao seu paso pola zona.

Os traballos comezaron pola a retirada da maleza, así como a limpeza e encintado das pedras que conforman o corpo do lavadoiro e a canle de auga. Para facelo máis visible e fermoso e axudar á súa preservación, instalarase unha cuberta tradicional a base de madeira e tella cerámica. Tamén se colocará unha varanda de madeira coa finalidade de mellorar a seguridade.

A parte final das actuacións centraranse no entorno do lavadoiro, coa colocación de pavimento a base de lastros de granito, a instalación de bancos, un panel informativo sobre o Camiño Portugués e a plantación de árbores autóctonas, conformando así unha pequena zona para o descanso dos peregrinos.

A empresa encargada da execución dos traballos é Construcións Lemos e Martínez.

ObrasLavadoiroFontenlo2 ObrasLavadoiroFontenlo3

ObrasLavadoiroFontenlo4

Volver