Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Técnicos do Concello e da Deputación explicaron onte aos residentes da zona este novo sistema de xestión do biorresiduos

- Nos composteiros poden botar restos de comida, borras de café ou restos vexetais

ComposteiroAvCoruña1

Valga, 5 de novembro de 2020.

O Centro de Compostaxe Comunitaria da Avenida da Coruña entrou onte en funcionamento. Os veciños desta zona xa poden depositar nel os residuos orgánicos xerados nos seus fogares tal e como lles explicaron onte os técnicos do Concello e da Deputación responsables da posta en marcha do Plan Revitaliza en Valga.

Durante a tarde de onde os veciños estaban chamados a un encontro para explicarlles o funcionamento destes composteiros comunitarios. Os residentes neste entorno, un dos puntos máis urbanos de Valga, foron citados de forma escalonada para evitar aglomeracións e para informalos sobre a implantación da compostaxe no municipio e animalos a participar neste novo sistema de xestión dos biorresiduos.

Nos composteiros poden depositarse todo tipo de restos de comida (verduras, froitas, carne e peixe crus ou cociñados), produtos caducados ou que xa non se poidan comer. Tamén se poden botar cascas de ovos e froitos secos, pan, pasta, borras de café e panos de mesa ou papel de cociña branco (sen tinturas de cor), así como restos vexetais coma céspede recén cortado ou restos de poda. Estes residuos orgánicos converteranse, mediante o proceso da compostaxe, en abono natural.

Este Centro de Compostaxe Comunitaria da Avenida da Coruña é o primeiro que se pon en marcha en Valga. Proximamente está prevista a instalación doutros dous puntos de compostaxe comunitaria.

Ademais, o Concello de Valga tamén iniciou nas últimas semanas o reparto de composteiros individuais entre os veciños do municipio que amosaron interese por sumarse ao Plan Revitaliza.

Hai uns días entregáronse os primeiros 42 e a semana que vén iniciarase unha serie de reunións por lugares para continuar coas entregas. Estes encontros terán lugar os martes e os xoves pola mañá e consistirán nunha breve charla explicativa e o posterior reparto dos composteiros.

A primeira reunión será en Cordeiro, e os veciños están citados no Auditorio Municipal. A medida que vaian convocándose novas xuntanzas o Concello encargarase de citar aos veciños por carta informándolles da hora e do lugar (o centro social ou local público máis próximo).

ComposteiroAvCoruña2 ComposteiroAvCoruña3

ComposteiroAvCoruña4 ComposteiroAvCoruña5

ComposteiroAvCoruña6

Volver