Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A ampliación do contrato de dúas traballadoras municipais non foi votado na Xunta de Goberno

- “Este edil ten unha persecución contra os traballadores e funcionarios do Concello que non imos consentir”

 

Valga, 4 de novembro de 2020.

O goberno municipal de Valga manifesta a súa contrariedade polas manifestacións realizadas nos últimos días polo concelleiro das Mareas ao respecto da ampliación do contrato de dúas traballadoras deste Concello. O grupo de goberno tilda ao señor Castiñeiras de “mentireiro, trapalleiro e falso” posto que as súas acusacións non son, en ningún caso, certas. É mentira que a ampliación deses contratos se tratara na Xunta de Goberno e, polo tanto, toda a súa argumentación non ten nin pés nin cabeza.

Hai que lembrar que estas dúas traballadoras contan con sobrada formación e están licenciadas nas súas respectivas ramas profesionais. A súa contratación cumpriu de xeito rigoroso os requisitos esixidos pola Deputación Provincial nas bases do programa “O teu primeiro emprego”, acadando a máxima puntuación entre outros aspirantes. De todos os que se presentaron, só estas dúas candidatas eran veciñas de Valga.

Ademais, o concelleiro das Mareas volve a mentir cando asegura que o Concello non solicitou este ano a axuda do programa “O teu primeiro emprego” para contratar a novos bolseiros. Fíxoo, solicitando ante a Deputación de Pontevedra, que xestiona este programa, a incorporación de dous novos traballadores. Unha delas, á que o propio concelleiro das Mareas denunciou, está traballando –e, por certo, non é de Valga, porque non se presentou ninguén do noso municipio–. A segunda praza non foi cuberta porque non se presentou ninguén, nin de Valga nin de fóra.

O goberno valgués lamenta “a persecución” que o señor Castiñeiras mantén dende hai tempo cara os traballadores e funcionarios municipais, “algo que non imos consentir”. “Son xa innumerables as ocasións nas que este concelleiro ten faltado ao respecto aos empregados e funcionarios deste Concello, intentando botar por terra o seu traballo e a súa profesionalidade”, lamenta o equipo de goberno. Neste sentido, lembran que os funcionarios que prestan servizo no Concello de Valga, e particularmente o secretario e o interventor, “gañaron máis dunha oposición con notas sobresaíntes e a súa traxectoria está amplamente recoñecida, por moito que lle pese ao señor Castiñeiras”.

“É lamentable que un representante público intente continuamente manchar a imaxe dos traballadores e funcionarios municipais”, continúa o goberno municipal. “É o que fai ter tanto tempo libre. En ano e medio de lexislatura aínda non presentou ningunha iniciativa en beneficio da sociedade e da poboación de Valga. O seu único interese é descualificar calquera cousa que garde relación co equipo de goberno e denunciar por calquera motivo e circunstancia ante calquera estamento. Xa o fixo ante a Deputación, ante a Fiscalía e no Defensor del Pueblo de Madrid (porque parece o Valedor do Pobo de Galicia se lle queda pequeno, aínda que presumen de partido galeguista). Por outra banda, semella que anda en competencia directa cos seus excompañeiros do PSOE de Valga por ver quen denuncia máis”.

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver