- A actividade promoveu a expresión e a superación persoal a través da arte
- Foi impartida por Marcela Santorum, psicóloga do Centro de Información á Muller e licenciada en Belas Artes
Valga, 4 de novembro de 2020.
O Auditorio Municipal acolle durante o mes de novembro unha exposición de traballos realizados por usuarias do Centro de Información á Muller (CIM) no marco dun obradoiro de terapia creativa.
A terapia creativa ten como obxectivo a expresión e comunicación co mundo emocional. O proceso creativo emprégase con fins terapéuticos, baixo a idea de que os conflitos e inquedanzas psicolóxicas poden ser traballados polo paciente mediante a produción artística. Neste sentido, o obradoiro promovido polo CIM non perseguía aprender técnicas de pintura, senón servirse da linguaxe pictórica para afondar nos sentimentos persoais.
O resultado son unha colección de obras nas que a forma, a cor e o debuxo son elementos que conducen de forma directa á vivencia íntima. Esta dimensión da arte é un camiño directo para conectar coas emocións negativas e transformalas nunha experiencia creativa, un instrumento para a expresión e a superación persoal.
“Na terapia creativa utilízanse os recursos da arte como estratexia para acceder ás emocións e promover a expresión e elaboración de sentidos das situacións traumáticas. Atopamos así un medio de expresión menos condicionado polo pensamento, que en moitas ocasións, obstaculiza a revisión da nosa historia e a súa superación”, explica Marcela Santorum, licenciada en Belas Artes e psicóloga do CIM que se encargou de impartir o obradoiro.