Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Informaráselles de como funciona o proceso da compostaxe e que residuos poden depositar no centro comunitario

- A semana que vén continuarase co reparto de composteiros individuais, comezando pola zona de Cordeiro

InstalaciónComposteiros5

Valga, 3 de novembro de 2020.

Os veciños do entorno da Avenida da Coruña están citados mañá á tarde a unha reunión informativa sobre a compostaxe previa á posta en marcha do centro comunitario que se instalou na zona no marco do Plan Revitaliza.

O Concello fixo chegar aos residentes deste entorno unha carta convocándoos a un encontro no que serán informados da inminente posta en funcionamento dos composteiros comunitarios. Persoal técnico encargado da oficina municipal de compostaxe e do Plan Revitaliza explicaranlles en que consiste o proceso para converter os biorresiduos en compost e resolverán todas as dúbidas que poidan ter os veciños.

Estes están citados a diferentes horas para evitar aglomeracións e cumprir, así, coas medidas preventivas da Covid-19. Prégase aos asistentes que respecten a normativa sanitaria empregando mascarilla, gardando a distancia de seguridade e non asistindo á reunión en caso de que presente algún síntoma que poida estar relacionado coa Covid.

O centro de compostaxe comunitario da Avenida da Coruña será o primeiro que se poña en funcionamento en Valga. Nel poderanse depositar todo tipo de restos de comida (verduras, froitas, carne e peixe crus ou cociñados) e produtos caducados ou que xa non se poidan comer. Tamén se poden botar cascas de ovos e froitos secos, pan, pasta, borras de café e panos de mesa ou papel de cociña branco (sen tinturas de cor), así como restos vexetais. Estes residuos orgánicos converteranse, mediante o proceso da compostaxe, en abono natural.

Novas entregas de composteiros individuais

Ademais da instalación dos centros de compostaxe comunitarios, o Concello de Valga tamén iniciou o reparto de composteiros individuais entre os veciños do municipio que amosaron interese por sumarse ao Plan Revitaliza.

Hai uns días entregáronse os primeiros 42 e a semana que vén iniciarase unha serie de reunións por lugares para continuar coas entregas. Estes encontros terán lugar os martes e os xoves pola mañá e consistirán nunha breve charla explicativa e o posterior reparto dos composteiros.

A primeira reunión será en Cordeiro, e os veciños están citados no Auditorio Municipal. A medida que vaian convocándose novas xuntanzas o Concello encargarase de citar aos veciños por carta informándolles da hora e do lugar (o centro social ou local público máis próximo). Se algunha das persoas convocadas non pode, por calquera motivo, asistir á reunión pode chamar por teléfono ao Concello (986 55 94 56) para concertar outro día e hora no que facer a entrega do composteiro.

 CartaCompostaxe

Volver