- Poderán obter abono natural a partir dos restos vexetais e de comidas xerados nos seus domicilios
- En datas próximas organizaranse reunións informativas nas distintas parroquias para que máis valgueses poidan sumarse ao Plan Revitaliza
Valga, 31 de outubro de 2020.
O Concello fixo entrega a máis de corenta veciños de Valga da primeira remesa de composteiros individuais no marco do Plan Revitaliza, co que se está a implantar no municipio un novo modelo de xestión do lixo, en concreto dos residuos orgánicos.
O acto de entrega tivo lugar no Auditorio Municipal coa asistencia do alcalde, José María Bello Maneiro, ao que acompañaron outros representantes do equipo de goberno e o mestre composteiro do Concello, que foi o encargado de explicar o sistema de montaxe e o modo de uso dos composteiros. Estes permitirán aos veciños obter abono natural a partir dos restos orgánicos xerados nos seus domicilios.
Para elo, poden empregar restos de comida cociñada ou crúa (carne, peixe, espiñas, ósos, mondas, pousos do café...) e tamén restos vexetais (céspede acabado de cortar ou plantas de todo tipo). Cada vez que se introduzan restos no composteiro estes deben cubrirse cunha capa de estruturante (follas secas, palla, restos de poda triturados ou outros restos leñosos) para favorecer o proceso.
Ademais dos composteiros, na xuntanza de onte entregáronse tamén outras dúas ferramentas a cada veciño: un aireador de aluminio e un termómetro, para comprobar a temperatura que se acada durante o proceso de compostaxe. Unha vez obtido o compost, este poderá empregarse para abonar a horta, plantas ou árbores frutais. Só hai que ciscalo sobre a terra e deixar que os nutrintes se vaian filtrando ao regar ou coa chuvia.
Esta foi tan só a primeira entrega de composteiros que está previsto realizar no marco do Plan Revitaliza, que cofinancian o Concello e a Deputación Provincial. Proximamente organizaranse reunións e charlas divulgativas en diferentes parroquias e lugares para continuar fomentando a compostaxe entre a poboación valguesa e que sexan cada vez máis os veciños que se sumen a esta forma sustentable de xestión dos residuos orgánicos.
Ademais destes composteiros individuais, o Concello está a instalar tamén varios centros de compostaxe comunitarios nas zonas máis urbanas do municipio. O primeiro xa está colocado na Avenida da Coruña e o próximo emprazarase na rúa Doutor de Oya Salgueiro (fronte ao Concello), onde xa se está preparando a base que o sustentará.