- Está integrada por 144 libros que ofrecen ás familias ferramentas para unha educación non sexista
- A iniciativa, chamada “Coeducando”, está respaldada pola Vicepresidencia da Xunta
Valga, 30 de outubro de 2020.
A ANPA “Pequeval”, que agrupa a pais de alumnos do CRA de Valga, vén de poñer en marcha, coa colaboración do Concello e do equipo directivo e docente do centro, unha biblioteca itinerante para a promoción da igualdade.
O proxecto, denominado “Coeducando” parte da necesidade de incentivar nas familias comportamentos igualitarios e non sexistas e está sostido economicamente pola Vicepresidencia da Xunta de Galicia, a través dunha liña de axudas destinadas a financiar actividades de prevención da violencia de xénero e da concienciación en igualdade.
A biblioteca itinerante conta cun 144 libros que ofrecen ás familias ferramentas para unha educación non sexista na etapa infantil, tentando corrixir e eliminar todo tipo de desigualdades ou mecanismos discriminatorios por razón de sexo que, por diversos motivos, temos integrados na nosa vida cotiá dende idades temperás.
En paralelo á posta en funcionamento da biblioteca estaselles a entregar ás familias un tríptico no que se informa sobre o concepto de coeducación e que recolle pequenas pautas de actuación para introducir comportamentos igualitarios e non sexistas nas rutinas cotiás O obxectivo final é que as familias poidan aplicar os contidos deste tríptico no seu día a día.