- O obxectivo é non incrementar o déficit que ambos servizos xeran para as arcas municipais, dado que a Augas de Galicia subiu a facturación ao Concello
- O alcalde destacou que Valga “é un dos concellos cos impostos municipais máis baixos”
Valga, 28 de outubro de 2020.
O Pleno de Valga celebrou onte unha sesión ordinaria na que se aprobou, cos votos favorables do grupo de goberno, a modificación de dúas taxas por prestación de servizos municipais: as de sumidoiros e abastecemento de auga potable.
A actualización destas dúas taxas foi proposta, segundo indica o informe de Intervención, en aras a un maior equilibrio económico do Concello, xa que se trata de dous servizos que son deficitarios –os custos que xeran ás arcas municipais son superiores aos ingresos que se obteñen en concepto de taxas–.
Por exemplo, o servizo de abastecemento supón uns gastos anuais ao Concello de 261.504’39 euros e no ano 2019 a recadación ascendeu a 154.763’30 euros. Ademais, hai que ter en conta que Augas de Galicia vén de subir a facturación ao Concello polo subministro de auga potable. O incremento nas tarifas que se acordou onte foi de 0’20 céntimos de euro ao mes.
No tocante á taxa de sumidoiros, este servizo supón un déficit anual ao Concello de arredor 80.000 euros e o incremento da taxa aprobado polo Pleno é de 1 euro ao mes.
O alcalde, José María Bello Maneiro, indicou durante a sesión que “Valga segue sendo un dos concellos coas taxas municipais máis baixas” e reiterou que o servizo de abastecemento de augas e saneamento teñen un déficit importante –de 100.000 e 80.000 euros anuais, respectivamente–, unha circunstancia que non pode agravarse aínda máis.
Estes cambios entrarán en vigor no ano 2021.