- Uns vándalos arroxaron sobre as tumbas da antiga necrópole pedras arrancadas dos muros
- O goberno municipal estuda a implantación de medidas de vixilancia para identificar aos responsables dos ataques
Valga, 24 de outubro de 2020.
O Concello de Valga detectou nos últimos días danos ocasionados por persoas descoñecidas en Igrexa Vella, un dos xacementos arqueolóxicos de maior relevancia histórica, patrimonial e cultural do municipio.
Uns vándalos arroxaron sobre as tumbas que se conservan da antiga necrópole pedras que previamente foron arrancadas dos muros do propio xacemento. E esta non é a primeira ocasión na que este importante elemento patrimonial do noso concello se ve afectado por actos incívicos. Con anterioridade xa se detectaron danos na cartelería do xacemento e destrozos no valado que o circunda cando acababa de ser arranxado.
Ante esta sucesión de actos de vandalismo en Igrexa Vella, o Concello lembra que os bens patrimoniais están protexidos e advirte que danalos está penado pola lei e pode conlevar sancións para as persoas responsables. O goberno municipal esta a sopesar medidas para evitar que sucesos tan lamentables coma estes volvan a repetirse, coma o establecemento de vixilancia para tratar de dar cos autores destes ataques contra o patrimonio de todos os valgueses.