- Porá en escena o espectáculo “O que levamos nas maletas”, un contacontos musicado dirixido a nenos a partir de 3 anos
- Para asistir será obrigatorio cumprir todas as medidas hixiénicas e sanitarias en vigor
Valga, 29 de outubro de 2020.
O programa FalaRedes, da Rede de Dinamización Lingüística, chega a Valga o vindeiro 15 de novembro da man do cantante e compositor Magín Blanco, que porá en escena o espectáculo “O que levamos nas maletas”.
O artista, creador de “A nena e o grilo nun barquiño”, “Gatuxo” e outras composicións dirixidas a público infantil, interpretará en directo unha selección dos seus mellores temas acompañados dunha narración. Será un contacontos musicado que axudará ao nenos a estimular a súa creatividade e curiosidade polas letras e as palabras, pola lingua, polos contos e a música para que poidan crear o seu propio universo imaxinario.
Durante o concerto, das maletas do músico irán saíndo obxectos (instrumentos, bonecos, ferramentas...) que introducirán cada tema. Magín Blanco interpretará cancións coma “O meu país”, “Aquí estamos”, “O hiptonizador” ou “Os esqueletos”, coas que os rapaces chegarán a percibir o mundo coma un universo máxico cheo de sensacións coas que gozar.
A actuación dará comezo ás 18 horas con entrada de balde. Para asistir será preciso cumprir con todas as medidas hixiénicas e sanitarias que estean en vigor.