- O obxectivo é rebaixar un 40% as emisións locais no ano 2030
- Valga aprobou en febreiro deste ano a súa adhesión ao Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía Sostible
Valga, 22 de outubro de 2020.
O Concello de Valga celebrou onte a primeira mesa de traballo no marco do Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía Sostible, unha iniciativa da Comisión Europea fronte ao cambio climático e para a aplicación de boas prácticas en ámbitos coma a mellora da eficiencia enerxética ou a redución das emisións de CO2.
Este Pacto é unha rede composta por municipios de todo o mundo que comparten o compromiso de reducir un 40% as súas emisións de gases de efecto invernadoiro no ano 2030. En febreiro deste ano, o Pleno municipal aprobou por unanimidade a adhesión do Concello a este programa, resultando así beneficiario dunha axuda da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, a través dos fondos europeos Feder, para sufragar os gastos derivados da elaboración dun Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES). Este documento debe recoller as medidas a adoptar para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro no termo municipal e minimizar os riscos derivados do cambio climático.
O Plan de Acción do Concello de Valga será o resultado do proceso iniciado onte coa celebración dunha xuntanza na que participaron varios membros do goberno local, encabezados polo alcalde, José María Bello Maneiro, técnicos municipais e persoal da asistencia técnica que se encarga do desenvolvemento do proxecto. Este equipo está formado por profesionais dos ámbitos da enxeñaría enerxética e medioambiental e liderado por Antonio Capelo, Javier García e Pablo Álvarez.
A reunión serviu para que a asistencia técnica expuxera os resultados preliminares do cálculo de emisións nas instalacións e dependencias municipais e presentase a estimación dos posibles impactos que o cambio climático terá sobre o municipio. Estes resultados completaranse cunha serie de consultas á Corporación municipal e cunha enquisa dirixida á poboación (na que pode participar calquera veciño de forma anónima a través da ligazón https://forms.gle/MnbGWaFufZDYgnLB8) para confeccionar o plan definitivo.
Neste documento, quedarán recollidas as medidas propostas polo Concello para diminuír as súas emisións de gases de efecto invernadoiro (principais responsables do actual cambio climático) e reducir os riscos derivados dos efectos do cambio climático sobre a poboación valguesa (tales como as secas, os asolagamentos, os incendios forestais ou as vagas de calor). Tal e como se comentou durante a xuntanza, estas accións virán a complementar as actuacións que o Concello xa está a desenvolver de cara a mellorar a eficiencia enerxética nas instalacións municipais e dar cumprimento aos requisitos derivados da aplicación dos principios da economía circular á xestión de residuos.
O Plan de Acción contemplará, ademais, outra serie de medidas encamiñadas a reducir a pobreza enerxética no municipio.