Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O proxecto deseñado polo Concello recolle actuacións de pavimentación, nova iluminación e melloras no saneamento

- Tamén inclúe a posta en valor dun lavadoiro tradicional e a construción de escaleiras de acceso dende a N-550

ObrasRúaBaixa1

Valga, 19 de outubro de 2020.

A empresa construtora Narom S.L. deu comezo nos últimos días ás obras de reurbanización da Rúa Baixa e do entorno do Centro de Interpretación da Caña do País, unha actuación deseñada polo Concello e para a que o goberno local xestionou unha aportación de 175.000 euros por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. O proxecto recolle obras como a pavimentación, a mellora dos servizos de saneamento, recollida de augas e iluminación e o acondicionamento do lavadoiro existente na zona, entre outras.

A Rúa Baixa, que arranca na estrada N-550 e chega ata a ribeira do río Valga, ten un carácter singular, xa que comeza como unha rúa urbana e, no seu devir, transfórmase en sendeiro. A paisaxe vai cambiando ao seu carón, de construída a entorno natural. Hai que destacar, porén, que se trata dunha rúa que acolle varios fitos dentro do seu percorrido, comezando pola Casa do Concello e seguindo polo Museo da Historia, o Centro de Interpretación da Caña do País e un lavadoiro tradicional ata desembocar no Parque Irmáns Dios Mosquera.

As obras que se levarán a cabo no marco deste proxecto inclúen a pavimentación da rúa combinando formigón e granito do país en pezas de grande formato. A pedra colocarase nas zonas máis nobres para poñer en valor os puntos salientables do percorrido, coma nas entradas dos edificios e nos accesos ao Museo da Historia e á Praza do Concello. Tamén se levarán a cabo melloras no saneamento e na recollida de augas pluviais.

Para mellorar o acceso ao Centro de Interpretación da Caña habilitarase un camiño formado por pezas de formigón con formatos variables. No exterior do edificio crearase unha zona axardinada e incorporarase mobiliario urbano.

A intervención para a posta en valor do lavadoiro consistirá no pavimentado do entorno con lousas de granito e a colocación de bancos e luminarias, para a valorización tanto da pía coma do espazo adxacente á mesma. A edificación existente sobre o lavadoiro revestirase con entaboado vertical de madeira, buscando a súa mellor integración na paisaxe.

A carón deste elemento patrimonial proxéctase un pequeno aparcadoiro executado con terra estabilizada. Ademais, melloraranse os accesos dende a estrada N-550 coa construción de dúas escaleiras aproveitando o talude existente.

As actuacións neste entorno afectarán tamén á iluminación, coa dotación de equipos de alta eficiencia enerxética mediante o uso de lámpadas LED, que permitirán reducir os custos de mantemento.

            ObrasRúaBaixa2                 ObrasRúaBaixa3

ObrasRúaBaixa4

Volver